Os bombeiros realizaron 304 intervencións en 2012

89

A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva defendeu esta mañá o carácter público do Servizo de Bombeiros ao tratarse dun servizo primordial, de emerxencia e que require unha grande profesionalización por parte dos seus integrantes e unha grande cantidade de medios. Así de contundente foi durante a presentación da memoria anual do Servizo de Bombeiros de Pontevedra, xunto ao xefe de bombeiros,  Manuel Torres.

Carme da Silva destacou a importancia do traballo preventivo dos bombeiros, así como o bo equipo conformado con grande profesionalidade e formación. Na actualidade forman parte do servizo 39 profesionais cunha media de idade entre 31 e 40 anos, e con medios materiais que van incrementando ano a ano. Nesta ocasión o equipo está a recibir formación para o rescate na auga, e o Servizo adquiriu unha lancha neumática, unha moto de auga e dotacións persoais propias para este tipo de rescate, que segundo o xefe dos bombeiros, non sería unha competencia propia do Servizo, aínda que son conscientes de que é o primeiro cara o que miran os cidadáns nunha emerxencia desta característica.

O Servizo de Bombeiros de Pontevedra realizou en 2012 304 intervencións das cales 90 foron incendios urbáns, 46 accidentes de circulación, 39 retiradas de elementos de fachada, 26 visitas de escolares ás dependencias de bombeiros, entre outras.

Segundo Manuel Torres este ano o número de emerxencia reduciuse, debido, en parte, ao "enorme esforzo realizado en tarefas preventivas".

Os bombeiros realizaron 21 saídas a outros termos municipais: 9 a Marín; 6 a Poio; 1 a Soutomaior; 2 a Ponte Caldelas; 3 a Barro. A saída sempre é para atender situacións límite nas que existen vítima ou ameaza sobre as persoas. Segundo o xefe de bombeiros, no resto dos casos non se sae porque non se pode deixar desprotexida a cidade.