Pendentes dun informe técnico para pechar os deslindes co Concello de Poio

79

O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá a Comisión de deslinde co Concello de Poio ao que asisten representantes dos tres grupos políticos e técnicos municipais. Na reunión quedou case definida a postura que o Concello de Pontevedra defenderá na reunión deste xoves, 21 de marzo, na reunión das dúas comisións municipais e dos propietarios afectados por este deslinde nos concellos de Pontevedra e Poio, arredor de 200 en total.
O presidente da Comisión de deslinde explicou ao seu remate que a postura municipal está pendente de que o técnico municipal elabore o informe e o plano acordado á vista da documentación.
Segundo as primeiras conclusións, nos lindes da parte alta (dende O Vao cara arriba), existe un traballo de campo por GPS que se terá que redefinir, pero inicialmente a liña coincidiría cos deslindes de 1889. Máis dificultade existe na parte baixa do deslinde, na zona da Xunqueira de Alba. Dada a modificación dos cauces tanto do río Alba (agora Rons) como do Lérez nos últimos 70 anos, incluso coa canalización deles, existen máis dificultades á hora de definir este linde. De todos os xeitos, está previsto que se resolva ao longo da xornada de mañá na que os membros da comisión municipal de Pontevedra manterán contactos telefónicos, para defendelos na comisión do xoves.