A Concellería de Promoción Económica premia aos alumnos do ILES cun curso para obter o carné de conducir
65
Dispor de carné de conducir é requisito habitual para acceder a un posto de traballo. A Concellería de Promoción Económica decidiu premiar aos 15 mellores alumnos que teñen pasado polos itinerarios de formación do programa ILES cun curso para a obtención do permiso B-1.
Os alumnos foron recibidos hoxe na Casa da Luz, onde foron felicitados por ter rematados os seus respectivos itinerarios de formación, recibiron información técnica sobre os contidos deste novo curso e ánimos para non caer no desánimo nun momento no que o mercado laboral atravesa momentos moi difíciles.
A concelleira, Carlota Román, destacou que o obxectivo é remover un dos obstáculos para a “empregabilidade” dalgúns dos alumnos/as e optimizar así as súas opcións de acadar un posto de traballo.
A selección realizouse, entre os alumnos que non dispoñían de carné, atendendo aos informes presentados polo equipo de Orientación laboral e polas empresas onde realizaron as prácticas laborais. Proceden dos cursos de lenceiro-lavandeiro, limpeza de inmobles, promoción turística local, atención á infancia, atención a persoas en risco de exclusión e coidador de persoas con discapacidade.
Os 15 participantes (12 mulleres e 3 homes) terán cuberto o prezo da matrícula, as taxas de exame e un total de 15 prácticas. Carlota Román destacou que disporán dun prazo aproximado duns tres meses para acadar o permiso e os seus avances serán obxecto de seguimento polo equipo docente do ILES, ao entenderse que trátase dun paso máis na súa formación. O custo total por alumno achégase aos 700 euros.
A concelleira subliñou que diante da situación económica que estamos a atravesar hai moita xente que, de non ser por iniciativas públicas como esta non tería opción para acceder a unha formación laboral axeitada, e moito menos de obter o permiso de condución. De feito, engadiu, hai algúns alumnos que, aínda carecendo do carné, rexeitaron a oferta municipal ao entender que precisarían de máis de 15 prácticas e nin sequera poderían sufragar as sesións adicionais.
Está previsto un segundo curso para a obtención do permiso B-1 entre o alumnado do programa de formación cara finais deste ano.
Carlota Román destacou que o programa ILES desenvolveu, ata o día de hoxe, 7 dos 18 itinerarios formativos previstos. Os primeiros resultados de inserción laboral están en torno ao 30%. A concelleira explicou que dos 105 alumnos que xa culminaron a súa formación, cómpre descontar aos 45 que remataron as prácticas a semana pasada e dos que aínda non hai datos. Tomando así os 60 alumnos de referencia, pode confirmarse que un total de 18 asinaron, cando menos un contrato de traballo relacionado coa formación recibida. Os itinerarios de promoción turística local e atención a maiores son os que acadaron un maior nivel de éxito no mercado laboral.
O proxecto ILES conta cun orzamento global de 1.363.624 euros. O Ministerio de Política Territorial e Administración Pública e o Fondo Social Europeo achegaron unha subvención de 1.090.899 euros. Nesta nova andaina formarase e tentarase de insertar laboralmente a un total de 390 persoas.