Mosquera insta á Xunta a que redacte o Plan Xeral de Pontevedra

76

O concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera foi tallante esta mañá: “Que sexa a Xunta quen faga o Plan Xeral de Pontevedra”. Para iso acolleuse ao artigo número 81 da Lei do Solo e Urbanismo de Galicia que recolle que a autoridade autonómica pode dispoñer que se proceda a redacción do Plan Xeral por parte do órgano autonómico que considere, sempre que dende o Concello se acorde a paralización do Plan.
Mosquera adiantou que se chega a proposta aprobada onte no Parlamento de Galicia por parte do Partido Popular e de AGE sobre o Plan Xeral de Pontevedra, a resposta será esixir á Xunta que aplique o artigo 81 da Lei do Solo, e o faga ela “aplicando as determinacións que está esixindo ao Concello: deixando a Ence, recortando a edificabilidade nos núcleos actuais; enchendo a cidade de coches… e a ver que di a cidadanía e as forzas políticas locais”.
Para o concelleiro “xa se dialogou todo o que había que dialogar. Xa son coñecidos os puntos de fricción. Esta decisión é para non seguir perdendo o tempo con reproches”.  César Mosquera entende que a Xunta de Galicia quere impoñer a Pontevedra a “nefasta” Lei do Solo do ano 2002 e “o único que pretende é cargarse o modelo de cidade de Pontevedra”. Xa adiantou que o Goberno Local non aceptará as imposicións da Xunta: consolidar Ence, recortar a edificabilidade actual dos veciños do concello; consolidar o Hospital privado Monte Carrasco ou ir contra o exitoso e recoñecido modelo internacional de Pontevedra.