O Local Social da Parda, listo para maio

64

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá as obras de acondicionamento no novo Local Social do barrio da Parda, un baixo de 450 metros cadrados situado na praza da Zanfona, que poderá estar rematado a mediados/finais do mes de maio, segundo a información que o alcalde recibiu esta mañá dos técnicos municipais e da empresa, cos que cursou a visita, xunto ao concelleiro delegado da área urbana, Luís Bará e veciños da Asociación Manuel Quiroga.
O acondicionamento do local está bastante avanzado e coas divisións feitas, polo que a previsión da empresa é rematar en maio.
Trátase dun local que disporá de salas multiusos, sala de estar, cociña para cursos, biblioteca, espazos infantís, salón social e outro tipo de dependencias como recepción, aseos, despacho ou almacéns. O investimento da obra é de 388.000 euros.
O alcalde destacou que se trata dun proxecto que está enmarcado dentro dunha política de de dotar a todos os barrios e parroquias do Concello dun espazo social de reunión, encontro e asociacionismo dos veciños. No caso do centro urbano, está pendente o acondicionamento do Local Social do Burgo, situado no Campo de Pasarón, e nas parroquias estase traballando no Local Social de Sabarís, en Campañó, e proxectando o de Salcedo. Ademais, de melloras que se realizarán noutros como no de Cabanas.
Fernández Lores destacou que aínda que o local é de titularidade municipal, porase a disposición do asociacionismo do barrio. O mantemento das instalacións corresponderalle ao Concello (luz, auga…), pero serán os colectivos do barrio os encargados de darlle contido e mantelo en óptimas condicións de uso e disfrute de toda a cidadanía da zona.