O luns comezan os traballos de cubrición do xacemento de Valentín García Escudero

67

A cubrición do xacemento da praza de Valentín García Escudero será unha realidade dende o luns, 25 de marzo. A Concellaría de Patrimonio Histórico, que xestiona Luís Bará, ultimou esta semana un calendario dos traballos desta cubrición parcial que afectará ao 40% do xacemento e superará un investimento de 80.000 euros.
Segundo este cronograma, que poderá estar condicionado pola situación meteorolóxicas, as obras comezarán o luns coa limpeza xeral do recinto. Estes traballos durarán arredor de dous ou tres días e será a empresa Eiriña quen os realice.
A partir do luns, 1 de abril continuarase cunha limpeza polo miúdo e a restauración das estruturas. Nestes traballos de restauración é primordial o bo tempo. Serán precisos tres ou catro días sen chuvia para poder acometer esta parte do proxecto que se lle encargou a Tomos Conservación e Restauración. Ten un valor de 6.674,36 euros.
A terceira parte desta obra será o levantamento do xacemento con tecnoloxía lasser escaner do conxunto arqueolóxico. Este traballo o realizará a empresa Enmacosa cun orzamento de 9.801 euros.
Arredor de mes e medio ou dous meses (en función do tempo), durará o proxecto que rematará coa cubrición dos restos empregando unha capa xeotextil, xabre e tratamento en superficie a cargo da empresa Eiriña e cun orzamento de 60.411,38 euros.
Todos estes traballos estarán supervisados pola empresa Citania, encargada do control arqueolóxico.