A oficina de desafiuzamentos atende 64 casos

59

Nos tres meses de funcionamento da Oficina de asesoramento a persoas posiblemente desafiuzadas recibiu a 64 persoas, das cales 17 tiveron cita cos avogados do Colexio de Avogados de Pontevedra que atenden esta Oficina situada na Casazul, en colaboración coa Concellaría de Benestar Social Municipal. Tres persoas foron derivadas ao Colexio de Avogados por ter iniciado xa o procedemento xudicial; 20 eran de concellos limítrofes e foron derivados aos Servizos Sociais dos seus concellos; 9 eran desafiuzados polo alugueiro; e 11 xa tiñan abertos un proceso xudicial de desafiuzamento.

Carmen Fouces, concelleira de Benestar Social Municipal, deu conta esta mañá destes datos de atención da oficina e instou ás familias que preven poder ter un problema destas características nos vindeiros meses que soliciten unha reunión con estes profesionais para asesorarse "antes de ter o problema enrriba".

Indicou que o perfil dos usuarios é moi variado: "vai dende persoas que viven en situacións sociais límites, até persoas que pertencen a unha sociedade máis estructurada pero que lle sobreviron circunstancias laborais que lles fai imposible asumir o pago dunha hipoteca". As hipotecas máis elevadas son de 180.000 euros e, incluso, de 300.000 euros.

A concelleira tamén indicou que o trato dos bancos é dispar, dende algúns moi receptivos, a outros máis duros á hora de negociar. Apesar diso, seis dos 17 casos atendidos, tiveron unha resolución positiva.