Comerciantes de Cruz Gallástegui piden a súa peonalización

147

O concelleiro delegado da área urbana Luís Bará  mantén esta tarde unha reunión con boa parte dos comerciantes da rúa Cruz Gallástegui que o pasado vernes, 5 de abril rexistraron no Concello un escrito no que solicitan a peonalización da rúa. O concelleiro explicou que o posicionamento do Concello "é favorable e vai dacordo co modelo de cidade destes anos que aposta polo uso dos cidadáns das rúas, e restrinxir os vehículos motorizados".

Luís Bará indicou que esta tarde escoitará as propostas dos comerciantes "e veremos até onde chega a demanda, que nós imos estudar co máximo cariño". Indicou que hai que valorar os custes e a implicación "porque terá consecuencia noutras rúas dese ámbito, e nós apostamos por facer actuacións coherentes, e actuacións globais".

O concelleiro explicou que estudar esta proposta "levará o seu tempo polo tráfico, polas liñas de autobús… hai que ver a repercusión nas rúas Castelao, Sagasta, Daniel de la Sota". Tamén teranse en conta outros interlocutores como o Hospital, os residentes cos accesos aos garaxes, o mantemento dos servizos básicos…, pero que podería ser compatible cunha restricción do tráfico nunha plataforma única.