O Concello defende a permanencia do Laboratorio de Saúde Pública de Pontevedra

57

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá a unha representación dos traballadores do Laboratorio de Saúde Pública da Xunta de Galicia para apoiar a súa reivindicación contraria a desaparición do Laboratorio de Pontevedra situado nun edificio anexo ao edificio administrativo da Xunta de Galicia, en Campolongo, que tivo un custe de execución de máis de 4 millóns de euros e máis dun millón en equipamentos.

A Xunta anuncioulles que centralizará todos estes servizos en Lugo, probablemente a partir do vindeiro ano, o que suporá que a administración autonómica terá que resituar noutros servizos de Pontevedra aos 12 funcionarios do servizo desperdiciando a súa cualificación, e trasladando aos interinos e traballadores laborais.

Este laboratorio que dispón dende hai 14 anos a acreditación ENAC realiza diariamente múltiples analíticas de praias, controis de moluscos (vivos e cocidos), carnes, pastelería, viños, augas de consumo (de pozos, de hospitais…), e é o único laboratorio de Galicia que fai analíticas de metais pesados nos productos pesqueiros.

O alcalde destacou que esta decisión suporá un desperdicio dun persoal moi cualificado, ademais do desperdicio das propias instalacións (novas, inauguradas en 2009) levando a sede a Lugo onde é preciso construir e dotar ao laboratorio central e único de Galicia; e unha merma no servizo na provincia de Pontevedra que deberá trasladar a Lugo todas as mostras analíticas, o que eliminará a inmediatez do servizo.