Pontevedra acolle o primeiro Salón de Eventos, Vodas e Grandes Celebracións “Si Quero”

43

O Recinto Feiral de Pontevedra converterase durante a fin de semana dos próximos 20 e 21 deste mes de abril nun punto de encontro para todos os profesionais e persoas interesadas nos eventos e as grandes celebracións, con especial atención ás vodas.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, presentou a primeira edición do salón “Si Quero”, definido pola responsable municipal como o “pistoletazo de saída” dunha ampla programación feiral que se dará a coñecer nos próximos días. Estivo acompañada do vicepresidente da Federación Provincial de Hostalería e empresario local Gustavo Sobral.
Coa inscrición practicamente pechada, o éxito de participantes xa está conseguido, pois teñen asegurada a súa presenza 50 expositores que ocuparán uns 2.000 metros cadrados de área expositiva. Carlota Román revelou que pertencen maioritariamente aos sectores da restauración e a hostalería e a fotografía e vídeo. Pero tamén haberá empresas de decoración, organización de eventos, xoiería, vodas Online, perruquería, axencias de viaxes, flores, tocados, animación, xastres e modistas especializados en vestidos de noiva, de festa e traxes masculinos, confitaría e tortas, música e transporte en autobús.
“Si Quero” abrirá as súas portas en horario continuo de 11 a 20.30 horas. A entrada ten un custo de 1,50 euros. Os dous días de programación inclúen senllos desfiles-exhibicións de roupa de festa e perruquería.
A feira nace como un intento de dinamizar sectores económicos e comerciais relacionados coa organización de eventos e celebracións. En opinión da concelleira, Pontevedra é unha cidade cun prestixio e unha calidade urbana que, unida á súa condición de capital de provincia, convértea nunha sé idónea para unha iniciativa deste tipo.
En canto á afluencia de público, Carlota Román preferiu non partir dunha expectativa pechada. “Facemos unha aposta e esperamos que funcione”, significou. Canta máis xente mellor, por suposto, pero ao tratarse dunha primeira edición que bota a andar somos conscientes de que será difícil alcanzar cifras moi grandes. Engadiu que no ano 2005 celebrouse unha feira similar que non tivo continuidade, polo que agarda que, desta volta, se obteñan resultados satisfactorios.
Neste punto, Gustavo Sobral destacou que Pontevedra merecía unha feira como esta. Na provincia existe un certame, xa ben consolidado en Vigo, e outro que naceu o ano pasado en Vilagarcía. Na súa opinión, o éxito desta primeira edición de “Si Quero” estará condicionado á súa capacidade para atraer público de toda a provincia.