O encoro do Pontillón do Castro acolle esta fin de semana a Copa de España de 1.000 metros de piragüismo, primeira das tres probas do calendario nacional pactado entre a Concellería de Deportes e a Federación Galega.
A proba foi presentada hoxe polo concelleiro, Agustín Fernández, e o presidente federativo, Alfredo Bea. Fernández destacou que participarán máis de 600 deportistas senior e junior, procedentes de toda España, que chegan acompañados dos seus respectivos equipos técnicos, amigos e familiares.
Están inscritos 75 clubs (deles 20 galegos), dato que, segundo o concelleiro, ten a súa relevancia, dado que supón un apoio indirecto aos deportistas locais e galegos. Ao celebrarse en Pontevedra, teñen moitas máis facilidades para competir mentres os seus equipos aforran importantes gastos en concepto de desprazamento.
Alfredo Bea destacou a importancia do calendario que abre esta Copa de España e continuará co 45º Campionato de España de Pista (19 e o 21 de xullo) e o Campionato de España de Novas Promesas (27 e 28 de xullo). Ademais dos aspectos deportivos, a repercusión socioeconómica, en gastos de aloxamento, está calculada en medio millón de euros.
Agustín Fernández subliñou que o piragüismo é un deporte moi importante en Pontevedra, e por iso o Concello “pon toda a carne no asador”. Esta visión foi compartida por Bea, quen admitiu que o Concello de Pontevedra é, con moito, o que máis apoia a organización de competicións de rango nacional.
En canto á proba en si, destacouse que a competición abranguerá toda a xornada do sábado, día 13, e a mañá do domingo, 14. Incorporará, por primeira vez, tres competicións de paracanoe, para persoas con discapacidade.
A competición supón tamén un control selectivo para barcos individuais, que dá acceso ao Campeonato de Europa e os Xogos do Mediterráneo. Ao tempo, servirá para elaborar o ranking con vistas á confección dos equipos nacionais dos K-2, C-2, K-4 e C-4.
Todos os palixeiros correrán 1.000 metros agás o K-4 dama senior e junior que cubrirán 500 metros. As damas canoa e o paracanoe, 200 metros.
Inicio Sin categoría