O modelo urbano chega á Ponte dos Tirantes

47

 Pendente tan só de que o tempo acompañe para acometer remates da obra, como o pintado da sinalización horizontal, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de sostenibilidade dos espazos públicos, Luís Bará visitaron esta mañá os traballos case rematados de mellora da seguranza viaria, da accesibilidade na contorna da Ponte dos Tirantes.
O alcalde amosouse encantado co resultado da obra “coa que resolvemos tres problemas reforzando a seguranza viaria nunhas das zonas con máis accidentes da cidade –incluso algún grave- elevando os pasos de peóns, mellorando as entradas e saídas da rotonda, a sinalización e a iluminación”.
Tamén se mellora a accesibilidade facilitando o paso de persoas en cadeiras de rodas e con mobilidade reducida, e mellorando a mobilidade xeral dando preferencia a peóns, ciclistas e persoas que fan deporte neste ámbito. O alcalde lembrou que este espazo entronca do CGTD e co pantalán que emprega este centro “e créase un circuíto de carreira ou de footing duns 5 km que estará perfectamente sinalizado e que ten a garantía de que se atopa fora dos circuítos dos vehículos, polo que a seguridade vial é total”.
O alcalde explicou que esta intervención na Ponte dos Tirantes “é complementaria ao modelo que estamos a facer, incorporando a decisión política de que Pontevedra sexa unha cidade 30, na que se conxuga a normativa co deseño urbano para que funcione”. Fernández Lores asegurou que esta actuación era necesaria nesta zona que cada vez ten máis uso por ser un ámbito de acceso ao campus, á zona escolar da Xunqueira, á zona deportiva da Xunqueira e tamén á Illa do Cobo.