Inaugurado o Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia, Edugal

98

A segunda edición de Edugal, o Salón da Oferta Educativa e Formativa de Galicia, botou a andar hoxe no Recinto Feiral. O evento, organizado por Aempe, conta, por segundo ano consecutivo coa Concellería de Promoción Económica como principal patrocinador. O acto comezou cos discursos institucionais, nos que a concelleira, Carlota Román, destacou que "Feira de Educación de Galicia e Pontevedra comezan a ser sinónimos e iso é unha moi boa nova".
Edugal ofrece ata este domingo un amplo calendario de actividades. Trátase da principal cita educativa da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que se celebra este ano nun ambiente de total normalidade e colaboración institucional.
Nesta segunda edición aspira a chegar aos 15.000 asistentes, superando así o listón dos 8.500 acadados na súa estrea o ano pasado. Os obxectivos son facilitar a transición do instituto á Universidade, animar aos estudantes a continuar a súa formación de maneira dinámica e divertida, informar e asesorar aos que se incorporan ao mundo laboral, dar a coñecer as novas tecnoloxías e a promoción turística e económica de Pontevedra.
Están presentes preto de 40 expositores. Entre as institucións colaboradoras están a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo, a Escola Xoiería Atlántico, o Politécnico de Bragança, a Universidade de Salamanca, a Universidade de Santiago, a Universidade Europea de Madrid, a UNED, a Escola de Restauración de Galicia, a Escola de Arte Dramático, a Asociación Juan XXIII, Ad Astra Estudios Internacionales, Residencias Universitarias RESA, Education First, Escola de Arte Dramático de Galicia, Escola de Negocios de Novagalicia banco, o Exército de Terra, os IES Príncipe Felipe, Chan do Monte e Frei Martín Sarmiento, OTR e o Centro de Formación Profesional Integrada A Xunqueira.
A feira está aberta de 10 a 14.30 horas e de 16 a 19 horas. A programación inclúe foros de debate e un amplo programa de actividades alternativas que pode consultarse no sitio www.edugal.es.

OLIMPÍADAS DO RECREO

Entre as actividades incluídas destaca a final das Olimpíadas do Recreo, o novidoso programa educativo que a Concellería de Educación puxo en marcha durante este curso. Serán os equipos do Xunqueira 1 e Marcón, os que se disputarán o primeiro posto.

A final dará comezo ás 11.30 horas para proceder á entrega dos premios ás 12.45 horas por parte do concelleiro, Agustín Fernández.

O enfrontamento dará comezo cunha competición de Orientación, na que os rapaces deberán buscar balizas entre os stands de Edugal coa axuda dunha brúxula. A continuación chegará o bloque de saúde, que ten como epicentro a pirámide da alimentación. O terceiro apartado céntrase na química, coa elaboración de dous experimentos a partir de produtos domésticos. Finalmente, chegará o habitual Pasapalabra con preguntas sobre Galicia e a cidade de Pontevedra.

Agustín Fernández, que xa visitou algúns dos colexios durante as fases previas das Olimpíadas, destacou que a actividade celébrase nun ambiente moi divertido, o que non é escusa para introducir contidos educativos. Por este motivo, está a ter unha acollida espectacular entre os alumnado, pero tamén entre o profesorado.

Os gañadores obterán un cheque-regalo para material escolar valorado en 400 euros; os segundos, 200 euros e os terceiros, cheque-regalo de 100 euros.

Nesta primeira edición das Olimpíadas do Recreo participaron 290 alumnos de Quinto e Sexto cursos de Educación Primaria.