Os mellores nadadores alevíns e benxamíns galegos participan no VIII Trofeo Promesas do Lérez

77

O Trofeo Promesas do Lérez chega este sábado a súa oitava edición coa participación de 289 participantes nas idades benxamín e alevín. Un total de 13 clubs, entre eles dous portugueses, participan na cita, que xa é un clásico no calendario das categorías de base no deporte da natación.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente do club Galaico, Alfonso Gallego, presentaron  a competición, que é unha consecuencia directa do convenio que permitiu a construción desa importante instalación, para a que o Concello de Pontevedra cedeu os terreos.
Agustín Fernández destacou que o tempo demostrou que Ponte Muíños foi un gran acerto e está a reportar grandes satisfaccións a Pontevedra, referenciándoa dentro do deporte da Natación. A recente celebración do Open de España volveu amosalo.
A novidade chega, destacou Alfonso Gallego, coa incorporación das probas de 400 metros libres e estilos, dúas distancias que os rapaces deben facerse a nadar porque están no Campionato de España.
Gallego engadiu que o Trofeo é sempre unha festa agardada para todos os participantes porque é unha oportunidade única de nadar e competir en piscina de 50 metros e con cronometraxe electrónica.
As probas do Trofeo Promesas do Lérez comezarán ás 10.30 e ás 14.30 horas. O Galaico é o club que máis nadadores aporta, cun total de 50. Moi destacable é a presenza de nadadoras, que supoñen practicamente a metade da participación total, pois están inscritos 147 nenos e 142 nenas.