A ordenanza de furanchos entra en vigor ao rematar a exposición pública sen que se presentaran alegacións

64

Pontevedra xa é oficialmente o primeiro concello  galego en impulsar unha Ordenanza de furanchos adaptada á nova regulación da Xunta. O texto entrou en vigor definitivamente despois de que o pasado venres rematara o prazo de exposición ao público sen que se teñan recibido alegacións.
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, amosou a súa satisfacción ao comprobar que o diálogo emprendido co sector e posibles colectivos afectados teña concluído coa aceptación da nova regulación ate o punto de que durante os 30 días hábiles de exposición ninguén expuxera reparo algún. Esta circunstancia abrevia o procedemento e fai innecesario o acordo plenario de aprobación definitiva.
Louro destacou que a ordenanza naceu froito dun excelente traballo técnico e dun intenso diálogo materializado a través de varias reunións e encontros informais. Con elo queda solucionado o problema xurdido durante o verán pasado cando unha vaga de multas da Consellería de Turismo da Xunta de Galicia despertou a alarma entre os furancheiros pontevedreses.
“Era necesario proceder a unha regulación inmediata deste sector, pero, dende o primeiro momento, explicamos aos afectados que non podiamos facer moito ata que a Xunta aprobase o Decreto regulador da actividade, paso que foi certamente caótico porque pasou por distintos borradores moi contraditorios entre si da Consellería de Presidencia”, explicou Louro, quen engadiu que “ao final, a Concellería de Urbanismo cumpriu coa súa palabra de tramitar e aprobar unha ordenanza en tempo récord, mesmo antes do agardado”.
O tenente de alcalde subliña que ata o de agora téñense presentado 25 peticións de apertura polo Rexistro municipal, que agora serán xa tramitadas de acordo co previsto na Ordenanza.
A Ordenanza está estruturada en 5 capítulos, 26 artigos, 3 disposicións adicionais, 3 disposicións transitorias e unha disposición derradeira.
O artigo 2 define aos furanchos como “os locais utilizados principalmente como vivenda privada, onde os propietarios venden o excedente do viño da colleita propia elaborado na casa para o seu consumo particular”. A degustación do viño pode acompañarse de cinco tapas. O local onde se desenvolva a actividade deberá ter unha superficie comprendida entre os 10 metros cadrados e os 200 metros cadrados e unha altura libre de 2,5 metros.
As solicitudes realízanse polo procedemento da Declaración Responsable, que no Concello foi introducida durante o pasado ano a través da Ordenanza de Simplificación Administrativa. Deben presentarse cando menos un mes antes da data prevista para a apertura. É obrigado contratar unha póliza de responsabilidade civil por valor de 90.000 euros.
Todos os loureiros terán colocado en lugar visible no interior do local o distintivo oficial “Furanchos de Pontevedra” a partir do momento en que se lle notifique a resolución da Xunta de Goberno de conformidade. O distintivo será renovado anualmente.
Queda prohibida calquera sinalización ou indicador exterior do furancho, máis alá das tradicionais ramas de loureiro.
Os establecementos poderán abrir un máximo de tres meses, a elixir dentro do período de apertura fixado pola ordenanza, que será entre o 1 de marzo e o 30 de xuño de cada ano. Fóra desa temporada non se admitirá ningunha excepción. O horario será, de luns a xoves, de 17.00 a 00.00 horas; venres e vésperas de festivos, de 17 a 01.00 horas; sábados, de 12.00 a 01.00 horas; domingos e festivos: de 12 a 00.00 horas.