As tradicións máxico-relixiosas do Val de Tomeza en “Terra de Pastequeiros”

72

O antigo preescolar de Lusquiños, en Tomeza, acollerá este sábado, 20 de abril, a partir das 20.30 horas a presentación do documental “Tomeza. Terra de Pastequeiros”, coa intervención de Ana Lois, autora do documental que estivo presente esta mañá na rolda de prensa de presentación do audiovisual xunto ao concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará.
A iniciativa está relacionada co desenvolvemento do Plan do patrimonio rural, que contempla unha liña de actuación relativa ao estudo e difusión do patrimonio inmaterial, nomeadamente o referido a crenzas, mitos, lendas e saberes tradicionais.
No concello de Pontevedra existe unha enorme riqueza de tradicións e saberes curativos que forman parte da "medicina popular galega"; estas prácticas son especialmente ricas na zona de Tomeza, nas que pervive a tradición dos pastequeiros. O pastequeiros son curandeiros coñecidos con este nome porque utilizan a fórmula latina PAX TECUM (a paz contigo). 
Terra de Pastequeiros é un traballo documental de Ana Lois sobre as tradicións máxico-relixiosas do val de Tomeza. Pretende recoller tódolos rituais de sanación que seguen utilizándose na zona e tamén aqueles que se abandonaron hai tempo pero que aínda se conservan na memoria dos máis maiores.
Este sábado 20 presentarase en Tomeza algúns capítulos do proxecto: as tradicións máxicas vencelladas ao San Cibrán, como curaban os pastequeiros, a verdadeira historia do Manso (o pastequeiro máis famoso dos que houbo en Tomeza), como se usan os licornios nesta parroquia e outros moitos remedios para enfermidades como o codo ou o mal de ollo.
Esta primeira presentación pretende achegarlles aos veciños de Tomeza un  traballo que seguirá desenvolvéndose ata ter unha recopilación exhaustiva de tódolos remedios da chamada medicina popular.
Terra de Pastequeiros está financiado polo Concello de Pontevedra e forma parte dun proxecto máis amplo que se desenvolve en toda  Galicia e que se difunde a través da web na páxina www.palabrassecretas.com.