Chamámonos así rexistra uns 5.300 topónimos en só cinco parroquias do rural

69

 

A Concellaría de Normalización Lingüística que xestiona Demetrio Gómez, presentou esta mañá a nova base de datos do proxecto Chamámonos así, que está a recoller toda a toponimia do concello de Pontevedra nas parroquias do rural. Esta nova ferramenta pódese consultar no web provisional pontevedra.eu/snl/datostoponimia. Na presentación tamén deu conta das próximas Xornadas de Toponimia que se celebrarán o vindeiro 27 de abril en Lusquiños, Tomeza para dar conta do traballo que se vén facendo durante este último ano.

Demetrio Gómez explicou que o proxecto Chamámonos así comezou hai un ano e tivo que ir superando alguns problemas de carácter tecnolóxico, dado que Galiza é o único sitio do mundo con tal densidade de topónimos, “e os mapas oficiais do Estado español non serven para Galiza porque non caben todos os topónimos”. Por iso, fixéronse melloras técnicas á hora de pasar os datos do traballo de campo ás ferramentas electrónicas “que houbo que inventala expresamente”.

Neste traballo rexistráronse, até o de agora, 5.292 topónimos das parroquias Tomeza, Marcón, Santo André, Santa María, Verducido e parte de Salcedo, onde aínda se está a facer o traballo de campo ao igual que en Lourizán. Tamén se rexistran 1.311 núcleos de poboación ou 386 fontes, e incluso, 4 nomes de fincas que están baixo a lámina de auga de Pontillón do Castro. A base de datos ofrece información lingüística dos topónimos, localización, están xeoreferenciados nun plano, entre outras opcións.

Unha vez rematada a base de datos, a intención da Concellaría é emitir os informes pertinentes para trasladalos á Comisión de Toponimia da Xunta para que inclúa os novos topónimos, dado que a base de datos fai distinción entre os oficiais e a nova toponimia.

Os técnicos que están a realizar este traballo consultaron con 275 persoas das parroquias anteriores, que responderon a 6.176 enquisas.

A Xornada de toponimia celebrase o vindeiro 27 de abril, na antiga casa de Lusquiños de 10.00 a 19.00 horas onde se presentará as ferramentas que permiten a recollida de campo de toponimia. O Concello de Pontevedra pon á disposición de quen a precise a base de datos para atesourar a toponimia recollida en campo. Esta xornada está dirixida a: asociacións de veciños, culturais, profesorado e persoas interesadas na toponimia en xeral.

Ver documento PDF