O Xulgado desestima a pretensión de dúas funerarias para paralizar a suspensión de licenzas de crematorio

78

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra vén de comunicar ao Concello un auto polo que desestima a pretensión da suspensión cautelar defendida polas funerarias Alianza y Barros e Pompas Fúnebres Pontevedra da medida adoptada polo Pleno do Concello de Pontevedra o pasado 22 de novembro pasado para suspender as licenzas de crematorio por un período dun ano e dar así tempo para regular este tipo de dotacións a través dunha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU).
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, destacou que a resolución xudicial é absolutamente concluínte e coincidinte coa postura desta Concellería e do Concello de Pontevedra. “Produce unha gran satisfacción poder constatar unha vez máis que facemos as cousas ben”, destacou. Louro felicitou aos técnicos municipais que, destacou, lle teñen axudado especialmente neste asunto.
Queda así resolta a peza separada do contencioso presentado por estas empresas contra o acordo plenario de suspensión de licenzas. As funerarias só poden interpoñer recurso de apelación contra este auto diante do mesmo xulgado.
O Concello ten actualmente suspendidas as licenzas para uso crematorio nas zonas residenciais de solo urbano, urbanizable e de solo de núcleo rural e no seu contorno de influencia. As funerarias recurrentes alegaron que era necesario suspender o acordo municipal, posto que lles está a xerar uns supostos danos económicos e de prestixio diante dos seus clientes.
A resolución xudicial destaca que a acordada suspensión de licenzas para crematorio por un período dun ano vai acompañada dun procedemento de modificación do PXOU que se está a levar a cabo para regular axeitadamente o uso crematorio nas zonas residenciais. Por contra, engade a xuíza, a adopción da medida cautelar interesada polas funerarias, “podería dar lugar á existencia de edificacións consumadas que nun futuro foran incompatibles co PXOU, e, entón, estaríanse creando situacións xurídicas irreversibles, en canto que implicarían a demolición do xa construído”.
Noutro apartado a xuíza do Contencioso-Administrativo destaca que, neste caso, os intereses xerais prevalecen claramente fronte aos intereses particulares ou de terceiros. Finalmente, a resolución volve deixar claro a corrección do procedemento municipal e entende que respecta plenamente o principio de “bo dereito” ao non existir disposicións ou actos administrativos anteriores anulados e que afecten ao acordo impugnado.
Diante desta resolución xudicial Antón Louro anunciou que está xa moi traballado o sentido da modificación puntual do Plan de Urbanismo para regular definitivamente o uso crematorio. Louro anunciou que, en ningún caso, se consentirá este tipo de instalacións en solo urbano, urbanizable ou núcleos rurais.
Nas próximas semanas o asunto será debatido na Comisión de Urbanismo e sometido a aprobación inicial por parte do Pleno, exposición ao público e a posterior tramitación diante da Xunta de Galicia.