Os colexios de Pontevedra piden que se manteña a actividade das Olimpíadas do Recreo

83

O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, recibiu no Concello aos case 30 rapaces dos colexios Xunqueira 1 e Marcón que participaron na final das Olimpíadas do Recreo, un novidoso programa educativo posto en marcha durante este curso e que incentivou a aprendizaxe en catro campos distintos a partir dun enfoque lúdico.
A final celebrouse o pasado domingo no marco do Salón da Educación e a Formación, Edugal, despois dunha fase eliminatoria na que tomaron parte case 300 alumnos de Educación Primaria. O concelleiro entregou senllos cheques-regalo para material escolar valorados en 400 euros, 200 e 100 euros, respectivamente aos tres finalistas.
Agustín Fernández destacou que o programa foi moi ben acollido, e mesmo ten recibido chamadas de varios centros que apostan por mantelo de cara aos próximos cursos escolares.
Na final participaron tres equipos (A Xunqueira 1 achegou tan alta participación que acabaron seleccionados dous dos seus grupos). O “enfrontamento” comezou pola competición de Orientación, na que os rapaces buscaron balizas entre os stands de Edugal coa axuda dunha brúxula. A continuación, o bloque de saúde, que tivo como epicentro a pirámide da alimentación. O terceiro apartado centrouse na química, coa elaboración de dous experimentos a partir de produtos domésticos. Finalmente, o Pasapalabra con preguntas sobre Galicia e a cidade de Pontevedra.