A Concellería de Promoción Económica e Turismo apoia á fundación Camiño de Santiago

34

A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, e o presidente da Fundación Camiño de Santiago, Celestino Lores, abordaron hoxe os pormenores do convenio que ambas entidades asinarán para financiar as actividades de promoción do Camiño correspondentes a este ano 2013.
A achega municipal será dun importe de 6.000 euros e axudará a sufragar o custo das actividades de peregrinación a pé dende Valença a Santiago e o Encontro de Hospitaleiros.
O texto do convenio recolle na exposición de motivos que a Fundación Camiño de Santiago figura inscrita no Rexistro de Fundacións do Ministerio de Cultura desde o ano 2005. A fundación, desde a súa constitución, leva a cabo unha serie de actividades de promoción do Camiño de Santiago, en especial do Camiño Portugués que ten o seu paso por Pontevedra,  así como é a encargada do mantemento do Albergue de Peregrinos “Virxe do Camiño” de Pontevedra, estas actividades, e outras, merecen o recoñecemento e apoio da institución municipal dado o seu interese para a cidadanía pontevedresa e utilidade pública.
O Camiño Portugués captará este año, segundo as previsións, preto de 30.000 peregrinos, e mantén unha liña ascendente. Ata o pasado mes de marzo, xa tiñan pasado por Pontevedra un total de 1.865. A meirande parte eran españois, seguidos dos portugueses, alemáns e italianos, pero tamén hai camiñantes procedentes de Corea do Sur, EE.UU, Canadá, Brasil, Polonia, Rusia ou Australia.
Carlota Román e Celestino Lores comentaron durante a xuntanza a importancia turística e socioeconómica do Camiño Portugués. Partindo da estimación de 30.000 peregrinos e dun gasto medio duns 20 euros (hai moitos que pernoctan en hoteis), pode chegarse á conclusión dun impacto económico anual duns 600.000 euros.
Durante a xuntanza celebrada hoxe acordouse tamén que a Fundación Camiño de Santiago se incorporará á Oficina de Congresos de Pontevedra, o órgano da Concellería de Turismo encargado de captar e proporcionar apoio loxístico e organizativo a todo tipo de eventos. A fonda relación co turismo dos “amigos do camiño” e a posibilidade de que acheguen servizos engadidos xustifica plenamente esta medida, destacou a concelleira.
Este ano cúmprese o vixésimo aniversario da creación da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, entidade responsable da promoción e crecemento desta ruta xacobea ata entón case descoñecida. O seu papel foi tamén fundamental para a construción do albergue pontevedrés.