A participación da cidadanía fai da primeira edición do Biciweek todo un éxito

49

O Concello de Pontevedra pechou onte o Biciweek cun éxitoso balance de asistencia e participación nas distintas actividades da programación que pretenden concienciar á cidadanía do uso da bicicleta como medio de transporte urbano e diario. Tal é así, que a concellaría que dirixe Miguel Filgueira afianza a idea de darlle continuidade en vindeiras edicións.
O éxito do Biciweek demóstrano as cifras. Máis de 1.200 persoas achegáronse ao CITA a ver a Mostra de bicicletas históricas nos dous días e medio que estivo aberta ao público. Na Pedalada participaron arredor de 2.000 persoas, a máis numerosa dos últimos anos; e a Feira da bicicleta instalada da praza da Ferraría tamén superou as expectativas dos organizadores, cuns 8.000 visitantes nos dous días que estivo aberta.
A programación do Biciweek completarase este mes de maio coa programación Natureza sobre rodas que ten programadas saídas o 5, 12 e o 19 de maio con saídas a Salcedo, á Xunqueira de Alba e á Enseada de San Simón.
Miguel Filgueira destacou esta mañá a participación da cidadanía en todas as actividades da pasada semana, o que amosa a sensibilidade dos pontevedreses polo uso da bicicleta como medio de transporte alternativo para desprazarse pola cidade, especialmente agora que acompaña o bo tempo.