Promoción Económica abre o prazo para inscribirse en catro novos itinerarios formativos do programa ILES

89

O programa formativo máis importante de cantos desenvolve o Concello de Pontevedra non para. A Concellería de Promoción Económica convoca 60 novas prazas para os catro itinerarios teórico-prácticos que se van desenvolver no centro de Ponte Muíños.

A convocatoria, que foi aprobada hoxe na Xunta de Goberno Local, está dirixida a parados maiores de 18 anos.

Os itinerarios que se ofertan son os de Coidador/a de Maiores, Monitor/a de actividades acuáticas para persoas dependentes, Camareiro/a de pisos, e Atención especializada a enfermos de alzheimer. Cada un deles conta con 15 prazas.

Os catro itinerarios consisten nun periplo formativo de 365 horas (215 teóricas e 150 de prácticas en empresas especializadas). Comezarán o próximo 13 de maio e rematarán o 29 de agosto.

A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, anima a todas as persoas interesadas a aproveitar a formación que se ofrece no ILES. Destacou a profesionalidade e a calidade da proposta municipal, que acada, ano tras ano, non só un elevado índice de valoración entre os alumnos, senón tamén índices de inserción laboral superiores ao 50%. “Buscamos xente motivada para formala e empresas responsables nas que podan completar a súa aprendizaxe e, se é posible, quedar a traballar”, explicou.

A concelleira destacou que o segredo do ILES está na capacitación do cadro directivo e docente. O equipo está formado por un director, tres orientadoras laborais, dúas técnicos en creación de empresas e unha administrativa.

O proxecto ILES conta cun orzamento global de 1.363.624 euros. O Ministerio de Política Territorial e Administración Pública e o Fondo Social Europeo achegaron unha subvención de 1.090.899 euros. O programa estará operativo ata finais do próximo ano 2014. Nesta nova andaina formarase e tentarase formar e insertar laboralmente a un total de 390 persoas.