Saen a concurso as obras de reforma integral da rúa de Santa Clara, cun orzamento superior aos 700.000 euros

42

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto de reurbanización integral da rúa de Santa Clara e o inicio do procedemento de licitación para a adxudicación das obras, que comezarán en canto este proceso estea rematado.
O proxecto está valorado en 702.909,80 euros e contempla unha duración de 13 meses. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, confía en que se reduza substancialmente para que as obras podan estar concluídas canto antes e cos menores problemas posibles para os veciños e comerciantes.
O financiamento das obras é plurianual, cunha partida de 300.000 euros con cargo aos orzamentos deste ano e outra de 402.909,80 euros que queda comprometida xa para o orzamento do ano 2014.
O anuncio de licitación será remitido inmediatamente aos boletíns oficiais e as empresas adxudicatarias disporán de 25 días para presentar as súas ofertas. A partir de aí reunirase a mesa de contratación e adxudicaranse as obras.
Antón Louro destacou que cumpre así coa palabra dada aos veciños de Santa Clara, cos que mantivo unha xuntanza para presentárllelo proxecto proxecto. “Houbo xente alí que me preguntou se aquilo era outra presentación máis dunhas obras que non se ían facer”, declarou Louro, “eu din a miña palabra e agora cumpro aquela palabra”.
Hai que destacar tamén que o proxecto gustou aos veciños e comerciantes, tanto polos acabados en superficie, como polo tratamento das infraestruturas soterradas. A rúa de Santa Clara conta con servizos de saneamento e recollida de augas pluviais moi antigos e está a haber problemas de filtracións nos sotos e garaxes. Iso vai quedar agora solucionado definitivamente.
Antón Louro destacou que o grupo socialista pensa que todas as obras de calado que se fagan en superficie das rúas deben ir acompañadas dunha axeitada renovación dos servizos do subsolo para gastar axeitadamente os cartos públicos. “Así vén sendo nos últimos anos no Concello de Pontevedra e así consideramos que debe de seguir sendo en todos os casos”, afirmou.
En canto ao proxecto, redactado polos arquitectos municipais cómpre destacar que abrangue unha área de moi preto de 3.000 metros cadrados ao longo dos 265 metros de lonxitude total da rúa.
O principal cambio será a ampliación das beirarrúas, que pasarán a ter anchos de entre 1,80 e 2,50 metros. Actualmente hai tramos que apenas superan un metro e incumpren os estándares mínimos de accesibilidade. Estarán rematadas en lousa gris de gran formato. O carril de tráfico rodado terá un ancho de 3,30 metros e executarase en formigón semipulido. Toda a plataforma quedará configurada ao mesmo nivel, con bolardos nos puntos en que sexa necesario.
Resérvanse un total de 10 prazas de aparcamento en dúas bolsas con cinco prazas a cada extremo da rúa. Ambas situaranse ao lado dereito (ao revés que agora) para coincidir co sentido da marcha. Actualmente, a rúa conta con 18 prazas.
Fronte ao convento de Santa Clara recuperarase o atrio tradicional, recuperando o aspecto recollido nas fotografías do ano 1900 (Fotógrafo Zagala) e documentación histórica. Os parterres elevados actuais, sostidos por muros, serán eliminados, ao igual que a escaleira. O frontal da igrexa quedará delimitado por un atrio pavimentado en pedra duns 800 metros cadrados. A propia configuración do terreo, cunha altura de 0,8 metros na cota máis elevada, servirá para perfilar esta “praza”. Un pretil de pedra separará lonxitudinalmente o futuro atrio do carril de circulación.
A igrexa conventual e os dous tramos de muralla existentes (situados preto do Estadio da Xuventude e do aparcamento do centro comercial) serán iluminados de acordo cos criterios do Plan Director de Iluminación do Centro Histórico. A carón do pano do muro histórico máis próximo ao Estadio, onde hai outra superficie de herba elevada, recuperarase espazo para ampliar a beirarrúa.
Na praza de José Martí, o proxecto introduce cambios profundos coa intención de concederlle maior relevancia arquitectónica. A idea principal é abrila ao máximo, salvando as diferencias de cota coa rúa. A pequena escaleira dende a rúa de Padre Amoedo será ampliada ao máximo. Un escalón existente no outro extremo da praza (a carón da entrada ao aparcamento e a calella “adoquinada”), suprimido. Desaparecerán tamén os actuais parterres, que resultan disfuncionais.
A superficie será pavimentada en lousa de cuarcito raiada, un material moi similar ao existente no solo da igrexa de San Francisco. No centro da praza instalaranse dous bancos circulares, adornados cunha xardineira.
Finalmente, os pregos para a adxudicación das obras inclúen a dotación dun parque infantil, que se situará entre a praza de José Martí e a entrada ao aparcamento soterrado, preto dunha zona verde bastante descoidada ao longo do muro do convento. Este parque, valorado en 62.000 euros será un complemento perfecto á importante mellora de toda a zona.