O Concello estuda os restos dunha posible torre de vixiancia medieval en Campañó

42

A Concellaría de Patrimonio Histórico está a estudar un achádego arqueolóxico descuberto no Monte de Campañó durante uns traballos de desbroce para o acondicionamento dun roteiro polo patrimonio histórico pola parroquia, no que estarán incluídos os muíños de Cons.
O concelleiro Luís Bará xunto a outros técnicos municipais visitaron esta mañá estes achádegos que se descubriron “a consecuencia do traballo de recuperación do patrimonio do rural grazas a impliación que están a ter as entidades sociais”, resaltaba Luís Bará, quen explicou que nos últimos meses descubríronse novos bens arqueolóxicos en Campañó, Mourente, Salcedo ou Lourizán.
No caso de Campañó, o concelleiro explicou que apareceron os restos dunha torre e outras estruturas. Estanse a facer  uns traballos preliminares que se completarán con outros estudos inminentes, como un levantamento topográfico ou unha nova campaña de limpeza para coñecer a estensión exacta do achádego e poder traballar con comodidade.
Entre as hipóteses que se están a barallar, é que esta torre podería ter que ver cun sistema de vixiancia de defensa do territorio –de feito, está nunha zona alta-, que controla o val polo que transcurre o Camiño de Santiago, e podería estar en contacto visual co castelo de Cedofeita, e vinculado á torre do Castrove co propósito de evitar invasións do territorio.
Segundo as primeiras pesquisas, podería estar datado dos inicios da Idade Media (séculos IX-X-XI) momento no que se produciron as invasións. De todos os xeitos, tamén se descubriron materiais modernos (ladrillos, por exemplo), o que permite pensar que tivo outro tipo de usos.
Luís Bará apuntou que se continuarán cos estudos, e en función do seu valor, farase unha catalogación destes restos, dar conta á Xunta, e incluilos no Catálogo de Bens Patrimoniais do Concello de Pontevedra.
O concelleiro de Patrimonio Histórico asegurou que nos montes de Pontevedra hai moitos máis bens agardando ser descubertos, e agradeceu a colaboración veciñal sen a cal sería imposible facer este labor.