Ramón Bertolo, Premio mobilidade ciclista 2013

90

Ramón Bertolo recibirá mañá o Premio mobilidade ciclista 2013, escollido pola organización do Biciweek por empregar a bicicleta como modo de transporte diario (no verán e inverno) ao traballo (é vendedor da ONCE). Ramón Bertolo estivo esta mañá xunto ao concelleiro organizador da Biciweek, Miguel Filgueira na presentación das actividades de promoción da bicicleta desta fin de semana.
Ás 11.00 horas de mañá abrirá a Mostra da bici na praza da Ferraría, e o alcalde entregará este premio de mobilidade ciclista 2013 a Ramón Bertolo ás 11.30 horas. Miguel Filgueira explicou que o propósito da Concellaría é darlle continuidade a este recoñecemento en futuras edicións e entregarase na Mostra da bici na que participan comercios e casas radicadas en Pontevedra para ofrecer bicicletas, repostos ou complementos. Tamén haberá un stand de bicis de segunda man, así como actividades para pequenos como unha gimkana ou obradoiros de mantemento de bicicletas.
A Pedalada sairá o domingo, ás 11.00 horas (a concentración será media hora antes) na praza da Peregrina, para percorrer as principais rúas da cidade e chegar até a Illa do Cobo. Miguel Filgueira calificouna como un encontro de bicicletas de carácter familiar para promocionar o uso da bicicleta como modo de transporte alternativo. A organización confía en superar os 700 participantes, no que estivo fixada a participación da pasada edición.
A programación remata o domingo pola tarde cunha concentración de usuarios Bici Fixer a partir das 17.00 horas na avenida de Montero Ríos.