A Casa da Cultura de Lusquiños acolle este sábado as II Xornadas de Toponimia

81

A Concellaría de Normalización Lingüística que xestiona Demetrio Gómez, organiza este sábado, 27 de abril as segundas Xornadas de Toponimia en Lusquiños, Tomeza para dar conta do traballo que se vén facendo no proxecto Chamámonos así de recollida da toponimia do rural pontevedrés, que xa conta cunha nova base de datos que pode ser consultada no link pontevedra.eu/snl/datostoponimia.
Neste traballo rexistráronse, até o de agora, 5.292 topónimos das parroquias Tomeza, Marcón, Santo André, Santa María, Verducido e parte de Salcedo, onde aínda se está a facer o traballo de campo ao igual que en Lourizán. Tamén se rexistran 1.311 núcleos de poboación ou 386 fontes, e incluso, 4 nomes de fincas que están baixo a lámina de auga de Pontillón do Castro. A base de datos ofrece información lingüística dos topónimos, localización, están xeoreferenciados nun plano, entre outras opcións.
Unha vez rematada a base de datos, a intención da Concellaría é emitir os informes pertinentes para trasladalos á Comisión de Toponimia da Xunta para que inclúa os novos topónimos, dado que a base de datos fai distinción entre os oficiais e a nova toponimia.
Os técnicos que están a realizar este traballo consultaron con 275 persoas das parroquias anteriores, que responderon a 6.176 enquisas.
A Xornada de toponimia celebrarase na antiga casa de Lusquiños de 10.00 a 19.00 horas onde se presentará as ferramentas que permiten a recollida de campo de toponimia.
O Concello de Pontevedra pon á disposición de quen a precise a base de datos para atesourar a toponimia recollida en campo. Esta xornada está dirixida a: asociacións de veciños, culturais, profesorado e persoas interesadas na toponimia en xeral.