O xurado visita os escaparates participantes na terceira edición do concurso impulsado por Promoción Económica

75

O xurado da terceira edición do concurso de escaparates comezou hoxe a súa rolda de visitas aos establecementos participantes. Hoxe foi a quenda dos locais situados na Zona Monumental cunha ruta que comezou na praza de Méndez Núñez e rematou na rúa de Michelena. Mañá tocaralle aos do centro da cidade.
Un total de 45 comercios pontevedreses participan nesta nova andaina do concurso, que se está a celebrar entre os días 15 e 30 deste mes abril baixo o lema “É primavera. Por fin vai saír o Sol”. A participación é moi similar á da última edición,  celebrada o pasado Nadal.
O xurado está presidido pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, e conta co apoio de representantes de Aempe, Centro Comercial Urbano Zona Monumental, unha escaparatista profesional e un reporteiro gráfico dos medios de comunicación con sede en Pontevedra.
O fallo darase a coñecer o próximo 2 de maio. Os tres gañadores da iniciativa obterán senllos premios económicos de 500, 300 e 200 euros.
O concurso, concibido para dinamizar a actividade comercial na cidade, pretende xogar co concepto da mellora do tempo e o remate do inverno para animar aos consumidores.
Aínda que o fallo do concurso corresponde á decisión dun xurado, ten tamén un apartado dirixido ao público, posto que os clientes dos 45 locais participantes poderán depositar as papeletas de compra que lle entregarán nos comercios participantes con vistas a un sorteo. A urna estará habilitada na Casa da Luz. Sortearanse 10 cheques-compra por valor de 20 euros.
Carlota Román destacou que o escaparate debe actuar como reclamo, animar ao cliente a entrar no establecemento e, a partir de aí, xa corresponde ao comerciante xogar a carta da súa habilidade e profesionalidade.
A concelleira destacou que a importancia do escaparate é maior cando os produtos que se venden non son de primeira necesidade. O escaparate debe dar unha imaxe clara de que tipo de produtos véndense en cada tenda. Ademais, debe sintetizar as características (o espírito) do establecemento. Está chamado a pór o acento sobre os puntos fortes de cada local. Debe ser atractivo, elegante, rechamante, pero non recargado. Debe estar limpo e ben iluminado. Debe ser obxecto de cambios e renovacións periódicas de acordo coas ofertas ou as temporadas. E, finalmente, destacou Román, debe interactuar coa súa contorna social e falar dos valores locais da cidade.