Carlos Ferrer revalida o subcampionato nacional de veteranos en péntatlon de lanzamentos

88

O bombeiro pontevedrés Carlos Ferrer recibiu hoxe a felicitación do concelleiro  de Deportes, Agustín Fernández, polas súas prestacións no recente Campionato de España de Atletismo Veterano celebrado en Monzón (Huesca). Ferrer acadou a medalla de prata na modalidade de péntatlon de lanzamentos.
O homenaxeado, que ten 53 anos, pertence a unha saga familiar moi coñecida na cidade. Nos últimos anos especializouse no péntatlon, no que se combinan lanzamentos de martelo pesado, lixeiro, xabalina, peso e disco.
Con esta medalla de prata,  revalida o resultado acadado o ano pasado e suma unha presea máis a unha traxectoria moi exitosa que inclúe numerosos títulos nacionais e en competicións Europolyb.
O seu próximo obxectivo é a participación no Mundial de Policías e Bombeiros, que está programado para o mes de agosto en Belfast (Irlanda).
Ferrer agradeceu o apoio da Concellería de Deportes e tamén do seu patrocinador, a empresa pontevedresa Asai.