Comeza o curso de oratoria en Pisando forte

83

Este xoves día 2 de maio dará comezo o curso de ORATORIA, dirixido a 20 mozos e mozas desempregadas, que terá lugar na Casa Azul durante 6 xoves consecutivos, de 17,30 a 20,30h. Este curso ten por obxectivo mellorar a comunicación en público dos participantes, e nel practicarán coa preparación de exposicións públicas, entrevistas e aprenderán diferentes técnicas e estratéxicas para vencer o medo escénico.

O mércores 8 comezará o curso de ATENCIÓN AO PÚBLICO E COMUNICACIÓN EFECTIVA PARA O DESENVOLVEMENTO LABORAL que terá lugar ata o 16 de maio (20 horas) tamén na Casa Azul. Neste curso participarán outras 20 persoas e nel adquiriranse habilidades de atención e comunicación efectiva co público nun marco profesional, potenciando o uso da lingua galega como elemento de proximidade coa clientela ao tempo que se impulsará o uso da lingua portuguesa como elemento de oportunidade e enriquecemento para o mercado laboral.

Lembrar que os cursos do programa PISANDO FORTE desenvolveranse de forma gratuíta ao longo de todo o ano 2013, con diferentes períodos de inscrición. A partir do xoves 2 de maio ábrese a inscrición para os cursos: Caixeiro/a repoñedor/a, Manexo de aparatos DESA, Obradoiro de Cooperativismo, Obradoiro de Radio e comunicación e Xornada "Outro emprendemento é posible".

Toda a formación ofertada polo Pisando Forte está dirixida a mozos e mozas de 16 a 35 anos, en situación de desemprego e do municipio de Pontevedra. Trátase dunha formación gratuíta, totalmente subvencionada pola Concellaría de Xuventude e que ten por obxectivo mellorar o acceso ao mercado laboral da poboación nova, a través unha oferta formativa orientada á mellora das competencias persoais e profesionais.