O Concello oferta novos nichos en San Amaro e Ponte Sampaio

62

O Concello de Pontevedra sacará, en breve, unha nova oferta pública de nichos nos cemiterios municipais de San Amaro e Ponte Sampaio. A concelleira delegada da área, Carmen Fouces explicou que os servizos técnicos municipais xa elaboraron o prego que está pendente da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, que se poderá producir nos vindeiros quince días. Unha vez publicado, existirá a posibilidade de presentar enmendas ao prego durante o prazo dun mes. Polo tanto, e unha vez resoltas as alegacións, o prego poderá estar vixente a partir do 15 de xuño, aproximadamente.

O Concello saca a concurso 267 nichos no cemiteiro de San Amaro e 86 en Ponte Sampaio. Os prezos en San Amaro oscilan entre os 1.500 euros e os 1.280 euros (dependendo da altura), e en Ponte Sampaio oscilan entre os 1.234 e os 1.290 euros. Todas as concesións serán por 75 anos. As persoas interesadas poderán solicitar un máximo de 4 nichos.

A solicitude de nichos estará aberta até o 15 de setembro. Aínda que a Concellaría tratou de que os pregos fosen abertos ao respecto do tempo de presentación (quere dicir, permitir que as persoas que precisen un nicho o poidan solicitar en calquera momento), limitacións xurídicas impediron esta solución.