A Zona Monumental acolle o vindeiro luns a carreira pola lingua: Correlingua

74

As rúas da Zona Monumental acollen o vindeiro luns o tradicional Correlingua no que participan centros de ensino de Pontevedra e de toda a comarca baixo o lema “O Galego, a chave do mundo”. A Concellaría de Normalización Lingüística quere agradecer a colaboración do Centro Comercial Urbano-Zona Monumental, que verá restrinxida o tempo de carga e descarga no centro histórico, para poder organizar este correlingua no que participarán ducias de rapaces.
Está prevista a participación de cerca de 900 escolares que chegarán á praza da Ferraría sobre ás 10.30 horas. A saída da marcha será ás 10.45 horas e a chegada arredor das 11.15 horas. A presentación correrá a cargo de Pepe Penabade, que continuará coa lectura do manifesto, a entrega de agasallos e globos.
Por motivos de seguridade, a Policía Local está a difundir entre os comerciantes da zona monumental carteis avisando da prohibición de carga e descarga entre as 10:00 horas e as 12:00 horas.
A carreira desenvolverase en dúas fases:
• Para escolares pequenos o percorrido será: San Román, Sarmiento, praza Méndez Nuñez, Isabel II, praza Cinco Rúas, Charino, Bastida, Michelena, porta de Trabancas e praza da Ferraría.
• Resto de participantes: praza da Ferraría, San Román, Sarmiento, Gregorio Fernández, praza da Pedreira, Serra, San Xulian, praza de Méndez Nuñez, Don Gonzalo, Curros Enríquez, Real, San Nicolas, praza Cinco Rúas, Charino, Bastida, Michelena, porta de Trabancas e praza da Ferraría.
O Correlingua que nesta edición celebrarase baixo o lema Galego, chave do mundo, é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
O Correlingua vénse celebrando de xeito regular desde o 2000 aínda que é unha
 vella iniciativa promovida na súa orixe por entidades culturais e na actualidade está
 organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical
 Galega – Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística, os Concellos de Lugo,
 Pontevedra, Ourense e Vigo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Ver documento PDF