Novo roteiro temático polos conventos e igrexas medievais de Pontevedra

114

A Concellaría de Patrimonio Histórico continúa mañá cos Roteiros Temáticos Urbanos percorrendo os “Conventos e igrexas medievais” que será guiado por Carmela Sánchez Arines. A saída será ás 11.00 horas da Igrexa de San Francisco visitando a súa igrexa e claustro, e continuando polas Ruíñas de San Domingos, espazo de San Bartolomeu o Vello, e a igrexa de Santa Clara.
Os roteiros están resultando todo un éxito de público. De feito, ante o grande número de solicitudes a Concellaría xa está a estudar a posibilidade de volver repetir esta actividade máis adiante no tempo para cubrir toda ou a maior parte da demanda do público
Os Roteiros Temáticos Urbanos son cinco saídas que permitirán descubrir os pequenos recantos, os xardíns, os conventos, as arquitecturas contemporáneas e os espazos da heterodoxia de Pontevedra. Con esta iniciativa, a Concellaría que xestiona Luís Bará pretende de descubrir a outra cidade, a que non vemos habitualmente debido ás presas e ás urxencias cotiás…, a que se agocha nos grandes edificios ou nos pequenos detalles… Unha Pontevedra de contrastes, na que convive o silencio dos espazos sagrados e o albordo dos parques, prazas e xardíns; a presenza contundente do relixioso e a faciana oculta do profano e do proscrito; a magnificencia das grandes arquitecturas e o engado das pequenas formas escultóricas. Unha Pontevedra, en fin, sedutora, cálida, inédita, para degustar pausadamente en
cinco xornadas de sábado.
Para o terceiro roteiro a inscrición abrirase o luns, 6 de maio a través da entrada Actividades Patrimonio, na páxina web www.pontevedra.eu. Ese terceiro roteiro estará conducido por Jaime Blanco Dios e permitirá coñecer os “Xardíns históricos e hortas urbanas”.

Ver documento PDF