O alcalde destaca a importancia para Pontevedra o premio ao Mace Sport

113

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores acompañou onte ao presidente do Club de Taekwondo Mace Sport, Miguel Ángel Cortegoso Estronllo na gala de entrega dos premios nacionais de Taekwondo celebrada na localidade de La Nucia, Alicante.
Como é coñecido, nesta gala o Club de Taekwondo Mace Sport recibiu o Premio Nacional ao Club que máis se distinguiu e destacou na promoción do Taekwondo no ano 2012, e o seu presidente recibiu unha medalla de bronce ao mérito deportivo.
O alcalde destacou esta mañá a importancia deste premio para a cidade dado que a sitúa entre os referentes do deporte de elite do Estado, vindo a contribuír á carreira ascendente de Pontevedra como lugar idóneo para as citas deportivas profesionais.
Tamén supón un recoñecemento ás boas prácticas do deporte pontevedrés, e un incentivo para os centos de persoas, dende nenos a maiores, que practican esta e outras disciplinas no concello; un acicate para continuar mellorando ou ben para introducir o deporte na vida cotiá como elemento esencial de calidade.