“XI Xornadas da muller”

28

Lugar: Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra

Actividades das “XI Xornadas da muller”, organizadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega ASPG e o Concello de Pontevedra. De 09:45 a 20 h. na Sede Social do Casino  Mercantil e Industrial.

Programa:

· De 09:45 a 10 h. Recepción e entrega de material.

· De 10 a 11:30 h. As mulleres e a tecnoloxía: unha historia chea de estereotipos. Luz Castro Pena, Profesora da Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña.

Tratamento da situación das mulleres no contexto dos videoxogos e desde unha perspectiva histórica a súa relación coa tecnoloxía informática. Constatación de como se reproducen os estereotipos e desde a experiencia persoal aportación de propostas para unha coeducación efectiva a través dos videoxogos.

· De 11:30 a 13 h. Estereotipos e roles sexistas nos videoxogos máis demandados pola adolescencia galega. Ana Méndez-Irigorri Sánchez, Licenciada en Socioloxía e técnica de igualdade no Observatorio da Mariña pola Igualdade e Ira Calvo Miguélez, Licenciada en Psicoloxía.

Actualmente os videoxogos forman parte da vida diaria de cativas/os e maiores, ocupando gran parte do tempo libre e de ocio e presentándose como símbolo da modernidade. Sen embargo, segue existindo un consumo diferencial por sexo, ademais dunha violencia simbólica transmitida a través das súas narrativas e personaxes, aspectos ambos nos que se pretende afondar nesta ponencia.

· De 13 a 14 h. Presentación do “Trivial feminista”. Teresa González Piñeiroa e Inés García Seijo, Profesoras do IES da Mariña; Ana Méndez-Irigorri.

Un xogo coeducativo realizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade en colaboración co IES da Mariña.

· De 16 a 17:30 h. Biblioteca escolar e xénero. Mª Olga Rodríguez Díaz, Profesora do CEIP Milladoiro de Malpica, Especialista en Bibliotecas Escolares, responsable da Biblioteca do centro.

Como outros temas básicos en educación, o xénero pode ser abordado desde as currículas, e polo tanto desde a biblioteca escolar como tema puntual ou transversal.

Neste caso procúrase facer un tratamento transversal das diferentes propostas que achegamos á comunidade educativa á luz da perspectiva de xénero, vista tamén como unha vertente máis de compensación das desigualdades sociais de partida.

· De 17:30 a 19 h. Os feminismos, unha ferramenta para cambiar o mundo. María Reimóndez Meilán, Escritora, tradutora e intérprete; fundadora de “Implicadas/os no desenvolvemento”.

Malia seren os feminismos a teoría e praxe que máis cambios conseguiu para a mellora das condicións de vida da humanidade, son relativamente poucas as persoas que se identifican como feministas. A que se debe este fenómeno?. Que son os feminismos e por que falamos deles necesariamente en plural?

· De 19 a 20 h. Malos hábitos. Comedia a cargo das actrices Camila Bossa e Iolanda Muíños (nominadas aos Premios María Casares). Dirección Jose L. Prieto.

Comedia na que dúas mulleres, dúas monxas de clausura saíron do convento para contar como cambiaron as súas vidas dende que a “Forza do Señor” penetrou nelas.

Participemos desta experiencia relixiosa e lembremos o que elas din: “Nós estamos pechadas alí dentro pero non esquezades que vós tamén estades pechadas aquí fora.. pensade.., pensade niso… E non vos preocupedes, rezaremos por vós”

· Ás 20 h. Clausura.

Matrícula: Gratuíta. Inscrición: www.as-pg.com , www.cig-ensino.com (no apartado de Formación).

Homologación: Está solicitada a homologación á Consellería de Educación por 8h lectivas. Para a obtención do certificado será necesario acreditar a asistencia de, cando menos, o 85% da totalidade da actividade.