“Día Internacional dos Museos” no Museo de Pontevedra

38
O sábado 18 celébrase o Día Internacional dos Museos, institucionalizado polo Consello Internacional de Museos (ICOM), que este ano ten como lema Museos (memoria + creatividade) = progreso social. Coas seguintes actividades, que se prolongarán ata as 24:00 h, preténdese achegar dunha forma dinámica e lúdica ó Museo o público, tanto infantil como adulto.
 
· Un paseo pola arte galega desde o s. XIV a Castelao. Visita teatralizada a cargo do grupo Migallas, na que os participantes, acompañados por varios personaxes, realizan un percorrido polas distintas salas do Sexto Edificio para coñecer as obras galegas que nelas se exhiben.
Con carácter gratuíto, está dirixida a todos os públicos e terá dúas sesións, ás 12:00 h e ás 17:30 h, cun máximo de 30 persoas por quenda, debendo os interesados inscribirse na secretaría do Museo (teléfono 986 804 100, extensión 32436).
 
· Obradoiro infantil de expresión artística. Actividade complementaria da visita teatralizada, na que os rapaces de entre 4 e 12 anos participantes crearán un cadro inspirado nas obras que viron e nas historias que escoitaron. Realizarase ás 13.00 h e ás 18.30 h.
 
· O Segredo dos Dinís. É unha das propostas que ofrece o Gabinete Didáctico do Museo, que consiste nunha visita dinamizada ás instalacións, dirixida a mozos e adultos, cun máximo de 50 participantes.
Os visitantes farán un percorrido polos edificios do Museo e as súas coleccións, cuxo fío condutor será a familia Dinís. Conxugando a realidade histórica desta liñaxe, pero adaptándoa ás necesidades da narración, o resultado é unha visita na que os asistentes deberán participar de forma activa e non como meros espectadores para descubrir un secreto.
Comezará ás 21:30 h no Sexto Edificio e ten unha duración de dúas horas.
 
· O xogo dos seis. Trátase dun xogo de mesa, pero realizado en formato xigante, coa intención de que os propios nenos e nenas sexan as fichas do taboleiro.
Chámase O xogo dos seis porque as diferentes preguntas e probas que terán que superar xiran en torno ós seis edificios que compoñen o Museo de Pontevedra e as coleccións que estes albergan. Con el preténdese incidir, dunha forma dinámica e divertida, na idea de que memoria + creatividade axudan ó progreso social, xogando un papel moi importante a función dos museos.
Neste xogo didáctico poden tomar parte nenos e nenas de entre 9 e 14 anos, cun máximo de 18 participantes. Principiará no Sexto Edificio ás 21:30 h e terá unha duración de hora e media.
 
Estas actividades son tamén gratuítas, pero é necesaria a inscrición previa no correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es ou no teléfono 986.804.100 na extensión 42413.
 
Ademais, na zona de cristal do Sexto Edificio, a Deputación de Pontevedra vai regalar un libro a cada persoa que visite as instalacións do Museo Provincial, ofertando tamén outros a un prezo máis reducido do que é habitual, co seguinte horario: o venres 17, entre as 11:00 e as 14:00 h, e o sábado 18 desde as 11:00 ás 14:00 h e desde as 17:00 ata o peche das instalacións ás 24 h.