Segunda edición do Banco de libros de texto

33

A Concellaría de Benestar Social Municipal pon en marcha a segunda edición do Banco de Libros de Texto co obxectivo de chegar aos 34 centros de ensino do concello de Pontevedra, e a toda a cidadanía porque, independementemente da situación económica de cada familia, os libros de texto deberían de ser reutilizables ano a ano até esgotar a súa vida útil.

A Concellaría de Benestar lembra que aqueles centros de ensino que xa xestionen o seu propio banco poden seguir facéndoo ou unirse a esta iniciativa que ten como data límite de entrega do 27 de xuño.

Os centros de ensino recibiron toda a información por e-mail e ao igual que no curso pasado, o procedemento consiste en que, as familias deixen no centro escolar os libros válidos para o próximo curso e cubran a solicitude dos libros que precisan.

O prazo de entrega de libros dende 3º de Primaria en diante (tamén FP e Bacherelato) no centros será ata o 27 de xuño. O día 28 de xuño persoal do concello irá recoller os libros e, despois de clasificalos e facer os lotes, chamará as familias para que vaian recollelos a Casa Azul.

Tamén se lles enviará unha carta explicativa ás familias, xa que é fundamental a participación de todos os actores nesta cadea para que a iniciativa resulte todo un éxito.
A Concellaría de Benestar lembra que as familias que entreguen libros, pero que non poidan conseguir a cambio os que necesiten, terán un vale de material escolar a canxear nas librerías do concello.