Posta a punto das vías municipais rurais

104

O Concello iniciará na segunda quincena de xuño o plan Vías rurais 2013 que consistirá en poñer ao día as vías do rural (arredor de 150 km) realizando traballos de desbroce, limpeza de cunetas, reparación do firme das estradas; colocando, mellorando ou reforzando a sinalización tanto horizontal como vertical. Cun orzamento que pode superar os 150.000 euros, o Concello pretende ter en condicións a rede principal de comunicación dos diferentes lugares das parroquias de Pontevedra.

O concelleiro coordinador do rural, Demetrio Gómez explicou esta mañá que moitas das vías do rural atópanse en mal estado polo duro inverno que se pasou, e que impediu realizar traballos de mantemento ou reparacións (salvo urxentes e moi imporantes) pola excesiva chuvia. Unha vez que o tempo volve á normalidade, remite a chuvia e comeza a primaveira, é necesario iniciar estes traballos de posta a punto das vías rurais por motivos de seguranza viaria. Hai que ter en conta que todas estas vías do rural son de plataforma única que conviven vehículos e peóns.

Demetrio Gómez asumiu que non son todas as vías do rural, pero si as que se priorizaron en cada parroquia porque permiten facer unha rede de conexión de todos os lugares de cada unha das parroquias. O resto do viario, segundo a súa urxencia, tamén se irá tratando empregando as brigadas municipais.

Esta intervención está incluída dentro do plan anunciado recentemente polo portavoz do Goberno, Raimundo González quen asegurara que o Concello investiría nos vindeiros dous anos dous millóns de euros no rural.

Enlace para consultar as vías que se mellorarán con este plan:

https://www.pontevedra.eu/pub/documentos/mapa_actuacion_parroquias.pdf