A folga na Educación acada unha incidencia nos colexios de Pontevedra dun 70% no profesorado e dun 74% no alumnado

61

A convocatoria de folga na Educación en protesta pola Lei de Mellora da Calidade da Educación (LOMCE) tivo un seguimento masivo nos colexios de Educación Infantil e Primaria de Pontevedra.
Unha consulta realizada hoxe, centro por centro, pola Concellería de Educación arroxa o resultado de que o paro foi secundado por un 70% do profesorado e un 74% do alumnado.
Por centros, o colexio con maior incidencia no profesorado foi Barcelos, cun 87% dos docentes en paro. A menor repercusión produciuse en Vilaverde (Mourente) cun 20%. En canto aos estudantes, as cifras oscilan entre o 93% do colexio de Santo André de Xeve e o 59% de Campolongo.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, expresa a súa satisfacción pola masiva resposta dos profesores, alumnos e pais á convocatoria. As razóns do éxito están no rexeitamento absoluto da “lei Wert”, pero tamén da política de constantes recortes na Educación pública do Partido Popular.