Ábrese o último prazo de inscrición para o Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra

42

As peticións dalgúns deportistas e afeccionados á carreira a pé levaron á Concellería de Deportes a abrir un último prazo para facilitar a inscrición no Circuíto de Carreiras Populares (CCCP) de Pontevedra. Os “rezagados” poderán facelo ata o próximo 12 de xuño ás 23.59 horas, momento en que tamén se pecha o prazo para inscrición individual na primeira carreira de 10.000 metros nocturna de Pontevedra.
O concelleiro Agustín Fernández lembra que as clasificacións finais do CCCP nas distintas categorías están compostas polas puntuacións en catro das seis carreiras nas que consiste. Polo tanto, transcorridas xa as dúas primeiras (San Blas e Monte Porreiro), aínda é posible puntuar e competir non só nas probas individuais, senón na liga local.
A información xa foi enviada a todos os usuarios da plataforma www.championchipnorte.com. A inscrición, tanto no circuíto como no 10.000 nocturno, deberá facerse tamén neste sitio web.
A inscrición no CCCP ten un prezo reducido de só 25 euros que permite participar nas catro probas restantes. Ademais, da dereito a recibir a bolsa do corredor (composta por camiseta técnica, gorra técnica e saco de ximnasio) e a tomar parte en concursos ao longo das probas restantes.
Aínda que xa se celebraron dúas carreiras, a inscrición na liga continúa a ser rendible, pois comparada coas inscricións individuais das probas que faltan, supón un aforro de 10 euros.
O calendario pendente do CCCP está composto polo 10.000 nocturno, o próximo 15 de xuño (10 euros de inscrición individual); carreira do Santiaguiño do Burgo sobre un trazado de 5.700 metros, o 25 de xullo (5 euros); carreira de Campañó sobre 9.650 metros, o 14 de de setembro (5 euros) e, finalmente, o medio maratón de Pontevedra, 21.097 metros, o 20 de outubro (custo individual de 15 euros).

O CCCP, unha iniciativa posta en marcha durante este ano polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, está a consolidarse rapidamente, pois conta ata hoxe con 160 persoas inscritas. Non obstante, observouse que a inscrición nas carreiras individuais está a ser moi superior á do propio circuíto. Así, en Monte Porreiro, a pesar de tratarse da primeira edición da proba, chegouse aos 384 adultos participando nas rúas do barrio.
Fernández quere achegar ao máximo as cifras de participación nas probas individuais ás do circuíto e reitera que a inscrición para todo o calendario anual, ademais dun aforro económico, dá pé a participar nunha clasificación global que inclúe premios, permite recibir a bolsa do corredor e posibilita a participación nalgúns sorteos.