Ediserpo executará a primeira fase de rehabilitación da Casa Consistorial

54

A Xunta de Goberno Local aprobará o luns a adxudicación á empresa Ediserpo do proxecto de arranxo da estrutura, fachadas e cuberta da Casa do Concello, por un prezo de 274.623,25 euros. O orzamento de licitación era 321.300,17 euros.
A mesa de contratación celebrada esta semana abriu os pregos económicos e as melloras, e acordou como oferta máis ventaxosa á da constructora Ediserpo cun prazo de execución de 4 meses.
Cabe lembrar que no inicio deste mandato o Goberno local acordou realizar a rehabilitación do edificio de Sesmero por fases, dado a situación ecónomica actual e o importante custe que deberían asumir as arcas municipais ao facer fronte a unha rehabilitación integral que superaría os 2,5 millóns de euros. Tendo claro a necesidade de rehabilitar o edificio principal do Concello e considerándoo unha prioridade dado o seu estado de deterioro, o Goberno Local apostou por ir realizando a reforma por fases, e atendendo ás prioridades do edificio.
A primeira parte da obra afecta ao acondicionamento exterior do edificio. Ao respecto da cuberta da Casa Consistorial devolveráselle o acabado de zinc que tiña a edificación na súa orixe, ennoblecendo o inmoble e recuperando o acabado tradicional. Tamén se renovarán todos os elementos da cuberta como os canalóns.
Os arranxos tamén se estenderán á estrutura da cuberta, unha estrutura de madeira que está atacada por carcoma, carcoma grande e termita. Daráselle un tratamento de desinfección e protección para evitar futuros ataques.
Outros dos traballos desta primeira fase de rehabilitación é a reparación, recuperación e substitución das ventanas e portas da carpintería exterior de todo o edificio. En concreto, as portas principais (entradas principal e traseira) someteranse a un importante proceso de restauración dado o seu importante valor patrimonial e histórico.
O último dos aspectos da obra será a reparación de todos os panos brancos exteriores do edificio que se picarán e serán substituídos por morteiro de cal tradicional, recuperando, tamén, a orixe do edificio e seguindo os mesmos criterios cos que se actuou noutros edificios nobres da cidade.
Entre as melloras ofertas atópase a retirada do cabo da fachada traseira do edificio, a eliminación das luminarias actuais e dos seus cabos así como a retirada doutras canalizacións situadas nas distintas fachadas do edificio. Tamén se presentaron melloras específicas para o illamento termicoacústico da cuberta e garantías de calidade da obra.

As propostas económicas que abriu a mesa de contratación esta semana foron as seguintes:
• Constructora Ediserpo S.L. (274.623,25 euros)
• Dicsa Decoración, instalaciones y construciones SAU. (285.00,00 euros)
• Balboa y Buceta Construcciones (301.834,50 euros)
• Tuconsa (302.022,72 euros)
• CPA & IBEC (254.470, 20 euros)
• Proycoga (289.170.69 euros)
• Copcisa (273.176,34 euros)
• Orega (299.355,91 euros)

A Xunta de Goberno Local aproba este luns esta adxudicación. A empresa Ediserpo, logo de cumprir todos os procedimientos administrativos relativos á sinatura do contrato, poderá comezar a obra de rehabilitación que terá un prazo de execución de 4 meses, aínda que poderá variar en función do desenvolvemento dos traballos.