As ludotecas municipais de verán chegan este ano con maior vocación social que nunca

42

Máis nenos e prezos máis baratos. As ludotecas municipais chegan este verán con importantes novidades con respecto á proposta do curso pasado.
Un total de 1.200 nenos/as dos colexios públicos de Pontevedra poderán participar no programa municipal de “Escolas de Verán”. A cifra supón un lixeiro incremento con respecto ás 1.080 prazas ofertadas en 2012. Ademais o custo abarátanse cinco euros, para quedar en 30 euros nas urbanas e 20 euros no rural.
O programa foi presentado hoxe polo concelleiro de Educación, Agustín Fernández e o presidente da Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa-Pontevedra), Alberto Pita. O edil destacou o esforzo municipal para que ninguén quede fóra da proposta municipal e por apoiar ás economías familiares especialmente en época de recortes sociais. Cualificou as ludotecas como un “servizo básico” e unha demostración de que é posible desenvolver políticas máis sociais e igualitarias. Mentres uns reducen, o Concello amplía, destacou.
A oferta está aberta durante os meses de xullo e agosto a rapaces de entre 3 e 12 anos escolarizados e empadroados no municipio de Pontevedra. As ludotecas xirarán ao redor de dúas propostas temáticas diferenciadas: “A volta ao Mundo” para os rapaces do centro urbano e “Pequenos científicos”, para os do rural.
Fernández destacou a forte aposta pola conciliación familiar e laboral, que inspira esta iniciativa. As “Escolas de Verán” nacen para facer a vida máis fácil aos pais e nais que traballan e teñen serias dificultades durante as vacacións escolares. Para reforzar esta vocación mantense o horario ampliado entre as 9 horas e as 14 horas. Incorpóranse tamén a esta franxa as ludotecas do rural, que ata o de agora tiñan unha dispoñibilidade máis reducida. Mesmo hai posibilidade de ampliar o horario cos servizos de almorzo (dende as 7,30 horas) e comedor (ata as 16.00 horas). Estes dous servizos, que se ofrecen tamén esporadicamente para cubrir demandas concretas, requiren de pago adicional.
A capacidade do programa municipal repártese as ludotecas urbanas que se ofrecen este ano nos colexios Campolongo, Manuel Vidal Portela e Marcos da Portela (que se incorpora á rede), xunto coa ludoteca de inmersión lingüística en Inglés, no colexio de Barcelos. No rural, seguirán funcionando as asentadas nos colexios de Vilaverde (Mourente), Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio e Santo André de Xeve.
As ludotecas urbanas funcionarán en catro quendas quincenais durante os meses de xullo e agosto, mentres que no rural as quendas serán mensuais.
O programa inclúe un amplo abano de actividades. O concelleiro subliñou que non se trata só de deixar o neno/a na ludoteca. Os que participen na actividade de Inglés avanzarán no coñecemento do idioma nun ambiente divertido. Os rapaces das escolas urbanas realizarán actividades baixo a temática xenérica “A Volta ao Mundo/Around the World”: realizarán unha viaxe virtual por todo o mundo no que gozarán e coñecerán as diferentes culturas espalladas polos cinco continentes. No rural, baixo o eixe “Pequenos Científicos”, serán introducidos na Ciencia e a Astronomía.
En canto aos prezos, Agustín Fernández enxalzou o esforzo por facilitar o acceso a todas as familias deixándoos en 30 euros por quincena no ámbito urbano e 20 euros a mensualidade no rural. Tamén baixan os prezos para as familias monoparentais ou cos dous proxenitores parados (20 euros en urbanas e 15 no rural). Os prezos do servizo de comedor son de 42 euros por quincena. O servizo Madruga (22 euros sen almorzo e 28 euros con almorzo). Ofrécense tamén de servizos esporádicos.
Finalmente, o concelleiro de Educación aplaudiu o traballo que está a facer a Fanpa, sen cuxa colaboración sería imposible poñer esta oferta enriba da mesa. A Concellería ten asinados senllos convenios coa federación para xestión de comedores escolares e actividades extraescolares, por un lado, e ludotecas de Verán e Nadal (e mesmo de Semana Santa), polo outro.
As solicitudes deben presentarse na sede de FANPA (rúa Alfonso XIII número 7) entre os días 20 e 27 deste mes de maio en horario de 9 a 14 horas. Tamén é posible enviar un correo electrónico ao enderezo actividades@nontedurmas.org.