O CITA súmase ao Día Internacional dos Museos

68

O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais sumarase o vindeiro sábado, 18 de maio, ás celebracións do Día Internacional dos Museos baixo o lema MUSEOS (memoria+creatividade) = PROGRESO SOCIAL. A Concellaría de Patrimonio Histórico, que dirixe Luís Bará, programa unha xornada de portas abertas para o mesmo día 18. Todas as persoas interesadas en visitar gratuitamente o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais poderán facelo en horario de 11 a 14 horas e de 18 a 21 horas.
As persoas interesadas poderán inscribirse directamente no CITA  o mañá e xoves de 11 a 14 horas e de 18 a 21 horas. Tamén poderán inscribirse por medio do teléfono 986 090677 no mesmo horario. As visitas faranse en grupos de 25 persoas cada hora.
O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais ofrece unha nova visión do pasado de Pontevedra. Permite achegar o público ao coñecemento sobre o que foi un dos monumentos emblemáticos da historia de Pontevedra, coa ponte medieval e a igrexa de Santa María a Maior.
O CITA
O primitivo castelo ergueuse a comezos do século XII e pouco despois Fernando II dóalle a vila co seu castelo ao arcebispado de Santiago. A fortaleza apenas se verá afectada polas guerras irmandiñas pero, en cambio, sufriu graves danos durante o enfrontamento entre Alonso II de Fonseca, arcebispo de Santiago, e Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga, durante a guerra civil (1474-1477) entre os partidarios de Sabela a Católica e os de Juana a Beltraneja, irmá e filla de Henrique IV de Castilla.
A comezos do século XVIII os ingleses incendian o pazo que queda practicamente destruído agás a súa imponente torre da homenaxe que aínda se usará como prisión. A finais do século XIX decídese o súa total demolición.
A partir da información dispoñible e co concurso de destacados especialistas na historia de Galicia e en arquitectura militar, levouse a cabo unha inxente tarefa para reconstruír non só a fortaleza, senón tamén o contexto urbano en que se insería. O resultado é un proxecto audiovisual que transcende o meramente informativo para construír un relato emocional desde o rigor científico. O visitante dispón de distintos recursos para acceder a todo este coñecemento: pantallas táctiles, xogo interactivo, maqueta, distintas cerámicas e como peza principal un audiovisual en 3D que lle fará máis sinxela ao visitante esta viaxe pola historia.