Pontevedra recorda o papel das mulleres durante a represión franquista

79

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luis Bará, xunto á concelleira de Cultura, Anxos Riveiro e a coordinadora da programación María Xesús López Escudeiro, presentaron esta mañá as Xornadas sobre a represión franquista e a muller, que se celebrarán ao longo do mes de xuño. O propósito é manter viva a memoria histórica, o seu coñecemento e recoñecemento, un labor que nunca acaba e que non se debe interromper, segundo a coordinadora.
A Concellaría de Patrimonio Histórico considera que é necesario continuar o labor investigador, divulgativo e de homenaxe en xeral, máis no caso das mulleres, dobremente represaliadas, dobremente esquecidas. As mulleres foron represaliadas e resistentes: vítimas da represión (na guerra e na posguerra, na Ditadura franquista), protagonistas da resistencia, e depositarias e transmisoras da memoria (escritos memorialísticos e memoria oral).
Lopez Escudeiro remarcou a importancia de “visibilizar a aportación que moitas mulleres fixeron á historia”, cuxo papel nas guerrillas fortaleceu en gran medida a resistencia aínda que as súas actuacións foran acaladas.
A programación inclúe distintas actividades que se desenvolverán en diferentes centros culturais e de ensino local e provincial, e teñen por obxectivo divulgar e dar a coñecer as ocultacións e terxiversacións da época franquista, así como as voces femininas silenciadas durante a ditadura.
A programación inclúe un simposio sobre a representación franquista en Galiza (1936-1975), As mulleres: vítimas da represión, protagonistas da resistencia que se celebrará no Pazo da Cultura os vindeiros 7 e 8 de xuño. A programación deste simposio é a seguinte:

Venres 7 de xuño
• 16.30 h. Recepción de participantes
• 17 h. Acto de apertura
• 17.15h. Conferencia de apertura: Carmen Blanco: "Memoria, mulleres, represión, resistencia e liberación"
• 18.00h.  Andrés Domínguez Almansa: Presentación dos resultados do proxecto Nomes e Voces. Represión e muller.
• 18.30h. Coloquio
• 19.15 h. Mesa redonda coa participación mulleres represaliadas e resistentes
Sábado 8 de xuño
• 10.30 Julio Prada: Franquismo e represión de xénero en Galiza
• 11.30 Ana Cebreiros. “Mujeres para España”. A Sección Femenina de Falange.
• Coloquio
• 13 h Xosé Álvarez Castro: a represión contra as mulleres en Pontevedra
• 17 h Luis Bará e Carme Vidal: Políticas públicas da memoria en Galiza (2005-2009). Mulleres con memoria.
• 17.45 h Victoria Martins: Galegas nos cárceres franquistas
• 18.30 Coloquio
• 19.15 h Conferencia de clausura: Aurora Marco. Galegas na resistencia antifranquista.
O prazo de inscrición no simposio estará aberto até o 7 de xuño enviando os datos persoais ao correo mulleresememoria@gmail.com
Paralelo ao simposio, o Pazo da Cultura acollerá a exposición Vermellas. Chamábanlles “rojas” organizada pola Universidade de Santiago de Compostela. Na exposición poderanse ver distintos paneis: Introdución, Da visualización social da muller á inmersión no terror. 1936: Golpe de Estado, vítimas e memoria; intelectuais; mestras; proletarias da cidade; proletarias do campo; proletarias da costa; campesiñas dos brazos abertos; o terro en carro de vacas; Mapoulas de Montecubeiro; xulgadas sen xustiza; exiliadas; fillas do exilio; acosadas ata o suicidio; casas refuxio ata a morte; violadas e rapadas; presas; guerrilleiras; nais, viúvas e orfas; mapa das mulleres represaliadas; gravados de Sara Lamas; a represión sobre a muller (1936-1939): tipoloxías e cualificación; perfil da muller represaliada; música na memoria; e información e créditos.
A programación tamén inclúe a proxección de dous audiovisuais “Digna rabia” e “As silenciadas”. “Digna rabia” é un proxecto conxunto da Universidade de Vigo e a Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas da man dos profesores da Facultade de Filoloxía e Tradución, Ángel Rodríguez Gallardo e M. Victoria Martins. A presentación será o martes 4 de xuño ás 20 horas na Casa das Campás.
O audiovisual  “As silenciadas. Historias de mulleres represaliadas na posguerra” de Pablo Ces proxectarase ao longo do mes de xuño en distintos centros culturais do concello de barrios e parroquias, así como en centros de ensino no vindeiro curso. A proxección contará coa participación de María Xesús Lopez Escudeiro e, nalgúns casos, coa intervención de mulleres protagonistas da resistencia e vítimas da represión.
Na programación tamén inclúe o Roteiro da represión franquista de xénero e un acto de homenaxe ás mulleres represaliadas e resistentes que será o vindeiro 28 de xuño, a partir das 20 horas, e estará guiado por Pepe Álvarez Castro.
A incripción para todas as actividades pode ser realizada a través do enderezo electrónico mulleresememoria@gmail.com, a partir de hoxe, día 14.