A Concellería de Promoción Económica organizará unha ducia de accións de apoio ao comercio en 2013

57

O apoio ao comercio de Pontevedra por parte do Concello quedou patente hoxe na Mesa Local de Comercio, onde a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román García, presentou un extenso informe sobre as actuacións emprendidas e previstas polo seu departamento ao longo deste ano 2013.
Convenios de colaboración coas asociacións de comerciantes e estudos para mellorar a competitividade do Mercado de Abastos forman o groso da programación.
As campañas comerciais comezaron en febreiro cun obradoiro de Xeoposicionamento e utilización das Redes Sociais e  Márketing Online, no que participaron 15 comerciantes. Está prevista unha segunda edición en setembro. Continuaron coa terceira edición do concurso de escaparates “Ponte en Primavera”, con 45 locais adheridos. Os premios déronse a coñecer onte mesmo. A próxima edición deste concurso chegará en outono.
Carlota Román anunciou que haberá sexta edición do concurso gastronómico Ponte de Tapas e tamén un programa de dinamización das vendas do Nadal en base a unha oferta complementaria de lecer para os nenos.
No Mercado de Abastos abordouse unha sinalización dos servizos dispoñibles, dereitos e deberes dos usuarios e concesionarios e concienciación de boas prácticas medioambientais. A maiores, está en fase de implantación o estudo de diagnose de fortalezas e debilidades do Mercado. O estudo, presentado recentemente aos placeiros/as, apunta os aspectos a mellorar nos postos de Peixe, Carnes e Varios.
En canto aos convenios, asinaranse acordos de colaboración para desenvolvemento de campañas e actividades con Aempe e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
Carlota Román deu tamén conta da programación feiral e congresual prevista para este ano, que xa comezou coa celebración do Salón da Educación (Edugal), a feira dos eventos e vodas (Si quero) e o salón da Nutrición e o Deporte (Sportis). A partir de agora quedan por abrir as portas unha pasarela de moda (setembro), a feira do emprego, PonteEmprego (outubro), unha feira de cosmética e perruquería (novembro) e unha feira de doces de convento (decembro).
En canto a eventos de tipo congresual, vén de celebrarse esta semana a Gala do Turismo e a Hostalería de Galicia e irán desenvolvéndose o Congreso de Veterinaria (31 de maio-2 de xuño), o Congreso de Fútbol (xuño), o minicongreso de motivación persoal Ponte a Punto (xuño), o Congreso de Arquitectura (xuño), o congreso de formación sobre novas tecnoloxías Ponte na Rede e o Festival da Luz (decembro).
A Mesa Local de Comercio foi constituída en decembro de 2011 polo Concello de Pontevedra en cumprimento da Lei de Comercio de Galicia. Trátase do órgano colexiado asesor da política municipal nesta materia. Está constituída por 17 membros entre os que figuran os grupos políticos e os técnicos municipais, un representante da Xunta de Galicia e representantes da Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa (Aempe), Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Asociación de Profesionais da Praza de Abastos, Asociación de Usuarios da Praza de Abastos, Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumidores Rías Baixas, Federación Provincial de Comercio e Cámara de Comercio.