A arquitectura urbana contemporánea, nova parada dos Roteiros temáticos urbanos

67

A Concellaría de Patrimonio Histórico continúa o sábado 18 os Roteiros Temáticos Urbanos visitando a “Arquitectura urbana contemporánea”, guiados por Marta Guirado e Diego Germade. A saída terá lugar ás 11h fronte o ambulatorio Virxe Peregrina.
Os asistentes farán un percorrido por nove edificios arquitectónicos pontevedreses de inspiración modernista e funcionalista, contruídos ao longo do século XX, tales como o ambulatorio da Virxe Peregrina, ou os inmobles da cidade de arquitectos como De la Sota, Xosé Bar Boo, César Portela, José Basilia Bas e José Antonio Corrales ou José Taracido Fraga. Rematará na Igrexa Virxe do Camino.
Esta actividade, ten por obxectivo “poñer en valor os edificios da nosa cidade”, por medio dunha colaboración coa Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia.
Os Roteiros Temáticos Urbanos son cinco saídas que permiten descubrir os pequenos recantos, os xardíns, os conventos, as arquitecturas contemporáneas e os espazos da heterodoxia de Pontevedra. Con esta iniciativa, a Concellaría que xestiona Luís Bará pretende descubrir outra cidade, a que non vemos habitualmente debido ás presas e ás urxencias cotiás…, a que se agocha nos grandes edificios ou nos pequenos detalles… Unha Pontevedra de contrastes, na que convive o silencio dos espazos sagrados e o albordo dos parques, prazas e xardíns; a presenza contundente do relixioso e a faciana oculta do profano e do proscrito; a magnificencia das grandes arquitecturas e o engado das pequenas formas escultóricas. Unha Pontevedra, en fin, sedutora, cálida, inédita, para degustar pausadamente en
cinco xornadas de sábado.
Para o último roteiro “Heterodoxia en Pontevedra” guiado por Olga Conde, a inscrición abrirase o vindeiro luns, 20 de maio a través da entrada “Actividades Patrimonio”, na páxina web www.pontevedra.eu.

Ver documento PDF