Antón Louro presenta a proposta de regulación urbanística para a construción de crematorios no municipio de Pontevedra

37

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, deu hoxe a coñecer o documento inicial para modificar o Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra (PXOU) para regular axeitadamente o uso crematorio no termo municipal. O asunto foi tratado na comisión de Urbanismo, onde se deu coñecemento a todos os grupos municipais.

Louro destacou que salda así o compromiso adquirido coa suspensión cautelar de licencias por un período dun ano, vixente dende o pasado 21 de decembro, para modificar o PXOU e cubrir o baleiro normativo existente non só no Plan Urbanístico, senón na normativa autonómica derivada do Regulamento de Policía Sanitaria Mortuoria e do Decreto de Incidencia Ambiental.

A xustificación da proposta baséase na “proliferación de solicitudes para a construción de fornos crematorios para incineración de cadáveres humanos no término municipal de Pontevedra e diante da enorme alarma social suscitada e diante da ausencia dunha zonificación de protección para este uso concreto".

O documento de inicio da modificación puntual tivo en conta a lexislación vixente estatal e autonómica en materia de Policía Sanitaria Mortuoria, a Ley Estatal de Calidad del Aire y Protección de la Atmósfera, o Decreto Galego de Avaliación de Incidencia Ambiental, a Lei de Ordenación Urbanística de Galicia e o propio Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra.

A modificación queda encaixada no artigo 95 do Plan Xeral de Pontevedra, que regula os usos do solo. Especificamente no artigo 95 bis relativo a “Outros equipamentos”, que ata o de agora ocupábase só da Estación de Autobuses e a Residencia de Anciáns de Campolongo. Aquí engadimos un terceiro punto baixo o epígrafe “Crematorios”.

Prohibicións:
En xeral prohíbese o uso crematorio en todos os terreos de uso residencial do municipio. Especificamente en solo urbano, núcleo rural ou solo urbanizable, con algunhas excepcións.
Tamén se prohíbe no solo rústico de especial protección, cando así o estableza a normativa autonómica ou por incompatibilidade cos valores protexidos.

Usos compatibles:
Son tres: cemiterios, polígonos industriais para industrias contaminantes e solo rústico.

Admítese o uso crematorio nos cemiterios, tanto existentes como novos. Non obstante, os edificios dos crematorios que se fagan dentro de cemiterios deberán ter unha distancia mínima de 50 metros, por analoxía co previsto no Regulamento de Policía Sanitaria Mortuoria para os camposantos, respecto de calquera parcela residencial o terciaria (comercial) de calquera tipo.

Tamén se admite no solo industrial, deseñado expresamente para industrias contaminantes (ás cualificadas como de terceira e cuarta categoría no Plan Xeral, ben porque requiran dunha zonificación específica, ben porque sexan incompatibles co medio urbano). O solo industrial pode ter cualificación urbanística de solo urbano (se está urbanizado, como é o caso do Campiño) ou urbanizable, en caso contrario. Novamente, introdúcese a distancia cautelar de 50 metros, homologada ao Regulamento de Policía Sanitaria Mortuoria , para separar os crematorios das zonas residenciais e/ou comerciais.

Finalmente, admítense os crematorios en solo rústico. Para elo será necesario aprobar previamente un Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) que proxecte e garanta o adecuado acceso rodado público e a conexión con todas as redes públicas de  servizos. Ao igual que nos dous supostos anteriores, vólvese esixir a distancia cautelar de 50 metros por analoxía co Regulamento de Policía Sanitaria Mortuoria, medidos dende o peche exterior da parcela prevista para crematorio, a calquera zona residencial ou mesmo a edificacións existentes con uso residencial ou terciario (comercial).

Se a instalación se propón en solo rústico con protección agropecuaria, forestal ou calquera outra, deberá respectar a normativa urbanística aplicable a este tipo de solos. En todo caso, a aprobación dun crematorio en solo rústico require informes sectoriais da Xunta de Galicia en materia urbanística ou calquera outra que lle sexa de aplicación.

En canto á tramitación pendente, Louro destacou que o documento de inicio será remitido xa á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a emisión de informe urbanístico previo á aprobación inicial e para que decida se é necesario sometelo a Avaliación Ambiental Estratéxica, por entender que a nova regulación introduce impacto ambiental.

Emitidos os informes, para o que a Xunta dispón dun prazo de dous meses, chegará o momento da aprobación inicial polo Pleno do Concello. Coa aprobación inicial remata o prazo dun ano de suspensión de licenzas. Comeza entón un novo prazo de suspensión máxima por un período de dous anos para as zonas nas que cambia a clasificación urbanística dos terreos. Ou sexa, un prazo que afectaría a todos os crematorios previstos sobre solo urbano, urbanizable ou núcleo rural. E que, en cambio, non afectaría aos previstos en cemiterios, polígonos industriais ou solo rústico.

Unha vez alcanzada a aprobación inicial, e xa cun novo prazo de dous anos por diante, o expediente someteríase a información pública para presentación de alegacións. Chegaría a continuación a aprobación provisoria, polo Pleno, e, finalmente, a aprobación definitiva, por parte da Xunta de Galicia.