Sorteo solidario de camisetas de xogadores de Primeira e Segunda División

38

A Praza da Peregrina acolle un evento solidario o próximo 7 de xuño coa organización da web www.futbolmerchandising.com e o apoio da Concellería de Deportes. As camisetas de destacados xogadores de fútbol (moitos con pasado pontevedrés) e a doazón de alimentos non perecedeiros serán os protagonistas.
O evento, que se celebrará a partir das 19.30 horas, foi presentado hoxe polo seu promotor, o ex-xogador granate Óscar Guimeráns, e o concelleiro Agustín Fernández no complexo de campos de herba sintética da Xunqueira, en presencia de moitos dos rapaces das distintas escolas deportivas municipais de fútbol.
O evento solidario consiste na recadación de alimentos non perecedoiros co “gancho” dun sorteo de camisetas de fútbol de xogadores de Primeira e Segunda División e algún máis de ligas estranxeiras. O sorteo estrutúrase a través dunhas rifas que se reciben ao entregar un paquete dun alimento non perecedoiro. Calquera pode participar na campaña, pero o público obxectivo principal son os alumnos dos colexios de Pontevedra e os rapaces das escolas deportivas da cidade.
O canxe dos alimentos polas rifas pode facerse en Guimerans Shop (rúa Cobián Rofignac 19), o estadio de Pasarón (oficinas do Pontevedra C.F.) e os servizos administrativos dos campos de herba sintética da Xunqueira. Os alimentos recadados serán entregados a Cáritas. O día do sorteo, na propia praza da Peregrina entregarase un xustificante ao representante local da organización social.
As camisetas que se sortearán son de equipos como o Deportivo da Coruña, Celta de Vigo, Lugo, Granada, Almería, Mirandés, Ponferradina, Wigan Athletic, Hapoel de Tel Aviv,Villarreal, Real Madrid, Getafe, Kitchee de Hong Kong, e algunha sorpresa máis que Guimeráns se reserva ata pechala. Entre os xogadores participantes figuran Fran Rico, Diego Castro, Charles, Álvaro Mejía, Pablo Infante, Mateo, Jonathan Pereira, Diego Seoane e outros.