O Instituto Municipal de Deportes aproba a concesión de máis de 466.000 euros en subvencións deportivas

62

A Xunta Reitora do Instituto Municipal de Deportes (IMD), que preside o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, aprobou hoxe, por unanimidade, o reparto de máis de 466.000 euros en subvencións aos clubs deportivos da cidade.
As axudas, correspondentes a anualidade de 2012, demostran o compromiso político da Concellería de Deportes co apoio aos clubs, detacou Fernández, quen recalcou que nun momento de recortes na Administración pública, fíxose un gran esforzo por manter a convocatoria en cifras moi similares ás do ano anterior.
As subvencións repártense en só tres liñas (organización de actividades, escolas deportivas e participación en competicións) despois da simplificación realizada durante este exercizo. Fernández subliñou que a simplificación permitiu un acceso máis transparente ás axudas municipais.
Fernández entende que o apoio ao Deporte local é unha aposta por manter o tecido social, pero tamén pola dinamización económica da cidade. Pontevedra non pode permitirse o luxo de que desaparezan clubs deportivos, tal e como está a suceder noutras localidades. O noso sinal de identidade é o noso enorme potencial, tanto en deporte base como de competición e o Concello debe facer un esforzo por manterse á altura das circunstancias, destaca o responsable municipal.
A primeira das liñas de subvencións cobre a organización de actividades deportivas. Concedéronse 56.414,54 euros para financiar a celebración de 48 actividades de tódalas modalidades deportivas. Preténdese así incentivar a iniciativa privada par a organizar eventos e, paralelamente, axudar ao asociacionismo deportivo, un dos motores do deporte municipal.
As 39 escolas deportivas municipais recibiron 118.683 euros. As axudas distribuíronse entre as escolas xestionadas directamente por clubs, as correspondentes ás ANPA de colexios do rural e as tres Escolas Deportivas para persoas con necesidades especiais. Esta liña de axudas é considerada como un piar básico dos fundamentos do deporte en Pontevedra. Non en van, as Escolas Deportivas agroman a preto de 2.485 rapaces.
Agustín Fernández destacou a novidade da posta en marcha da Escola de Marcha Atlética e o incremento na oferta de iniciación ao tenis a través da nova Escola en colaboración co Casino Mercantil.
Finalmente, as subvencións para a participación en competicións oficiais inxectaron 291.000 euros nos 72 clubs inscritos nas distintas ligas e campionatos. Esta liña, destaca o concelleiro Fernández, valora o esforzo realizado polas entidades deportivas para participar en competicións oficiais, difundindo o nome e o prestixio de Pontevedra.