A Concellería de Promoción Económica saca a subhasta todas as prazas vacantes no Mercado de Abastos

70

Todas as persoas que aspiren a ocupar un posto de venda na Praza de Abastos terán a súa oportunidade. A Concellería de Promoción Económica decidiu sacar a subhasta a totalidade das prazas vacantes no Mercado pontevedrés.

Culmínase así un proceso iniciado pola concelleira, Carlota Román, de cara á regularización da totalidade dos postos e bancadas. Trátase da primeira vez, dende a estrea do actual edificio, no ano 2003, en que se realiza unha convocatoria destas características.

O prazo de presentación de ofertas será de 30 días hábiles a partir da publicación do anuncio nos boletíns oficiais. Durante ese mesmo prazo poderán presentarse alegacións aos pregos de condicións da subhasta. No caso de que haxa alegacións, o prazo quedará interrompido ata a súa resolución. Só se se chegaran a estimar abriríase un novo prazo.

Os pregos relacionan a totalidade das vacantes a licitación, coa única excepción das poucas que están en trámite de rescate por incumprimento das condicións por parte dos seus actuais concesionarios.

No andar alto da Praza subhástanse 27 casetas e 41 bancadas de froita.

No andar baixo: 7 casetas en lotes, unha bancada de flores, 16 bancadas de peixe fresco en lotes, 13 bancadas de peixe fresco soltas e tres lotes de bancadas de peixe conxelado.

As concesión de todos os postos e bancadas será por un período de 25 anos.

Ao tratarse dun procedemento de adxudicación por subhasta outorgaranse ao mellor postor. O canon anual por ocupación será o recollido nas ordenanzas fiscais municipais.

A Praza de Abastos conta cun total de 98 casetas de diversas especialidades, 199 bancadas de produtos pesqueiros, 64 bancadas de froita e hortalizas e seis postos de flores.

Carlota Román destacou a absoluta transparencia e igualdade de oportunidades coa que se realiza o procedemento, polo que animou a participar nun procedemento que nace como un novo intento de revitalizar a Praza e dotala de todo o seu potencial como centro de venda de produtos da máxima calidade.

A concelleira recalca que non hai impedimento algún para participar nesta subhasta. As bases unicamente conceden dereito de tanteo e retracto aos concesionarios contiguos ao posto obxecto de licitación, pero sempre e cando teñan menos de tres casetas ou nove bancadas.

Román indica que tomou esta decisión despois dunha serie de contactos coas asociacións de praceiros/as e unha vez coñecidos os resultados da diagnose das fortalezas e debilidades da instalación municipal. En función de como discorra o procedemento, haberá que tomar decisións sobre o futuro do Mercado, explica. A prioridade será manter o uso tradicional, pero se non se adxudican todas as vacantes, a concelleira lembra que ten a obriga de buscar alternativas para tirar o máximo partido dun edificio emblemático e destinado a exercer de motor económico do Centro Histórico.