Aprobada a execución das obras de reurbanización da avenida de Lugo

67

As obras de reurbanización do tramo da avenida de Lugo que entronca con Loureiro Crespo foron aprobadas hoxe pola Xunta de Goberno Local. O proxecto impulsado polo tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, parte cun orzamento de 1.246.480 euros, e será contratado por procedemento aberto.
A obra de transformación urbana de maior envergadura de cantas se van acometer durante este mandato contará con financiamento bianual, con 500.000 euros con cargo ao orzamento deste ano 2013 e o resto con cargo á anualidade de 2014.
Antón Louro destaca que coa aprobación deste expediente están xa en marcha as dúas iniciativas urbanas máis potentes do seu departamento: a avenida de Lugo e a rúa de Santa Clara (esta última orzamentada en 703.000 euros), polo que confía en que, en breve, ambas estean en obras.
O espírito do proxecto está no intento de embelecer unha entrada importante ao centro urbano e que agora presenta un aspecto totalmente inapropiado. Está redactado polos técnicos municipais e foi presentado aos veciños e comerciantes en senllos encontros protagonizados polo tenente de alcalde o pasado mes de abril.
Unha das principais intencións da actuación é a de incrementar a rotación dos aparcamentos, establecendo senllos cordóns de estacionamento en liña, e tamén en dotar á rúa de zonas de carga e descarga das que agora carece. A rúa, cun ancho superior a 24 metros, manterá o dobre sentido de circulación.
O prazo de execución será dun ano, dado que se trata dunha obra de gran volume. A pesar de que o tramo a reformar (entre a rotonda de Juan Carlos I (rotonda da serrería) e a do cruce da rúa San Mauro) ten unha lonxitude de só 258 metros, o gran ancho da vía fai que a superficie total a traballar alcance os 8.197 metros cadrados.
A obra dará gran importancia ao deseño das dúas rotondas que marcan os seus extremos. A de Juan Carlos I terá un diámetro interior duns 18 metros e un diámetro de circulación de 36 metros. A pequena rotonda da avenida de San Mauro, pouco funcional no seu actual deseño, ampliarase a 11,5 metros na súa estrutura interna e a 27,3 metros no bordo exterior de circulación.
En canto ás beirarrúas terán un ancho superior aos 3 metros e estarán realizadas con lastro (adoquín) cerámico e lousa hidráulica, adornadas por bandas de pedra. A ambos lados contarán cunha fila de  cerdeiras.
A obra inclúe a renovación completa dos servizos de augas pluviais, saneamento, abastecemento de auga e rede contraincendios, así como a dotación do novo sistema de iluminación pública.